Site icon Crónica3.com A Mariña

A Aula CeMIT de Burela organiza cursos de informática para nen@s de 9 a 11 anos

Burela, 23 de xuño de 2016. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Burela impartirá cursos de informática para nenas e nenos no verán. Será en colaboración coa Delegación Municipal de Cultura e Xuventude.

A primeira serie de cursos vai dirixida a nenas e nenos de 9 a 11 anos e contará cun total de tres cursos: “Mecanografía”, “Procesador de textos” e “Elaboración de presentacións”. Todos darán comezo o 4 de xullo, impartirase de luns a venres, contará cunha duración de 11 horas e finalizará o 18 de xullo.

O horario do curso de “Mecanografía para nenas e nenos” será de 9:30 a 10:30 horas. Neste curso amosarase a correcta posición das mans á hora de escribir nun computador. Os asistentes realizarán diferentes leccións que consistirán na repetición dunha serie de letras para adquirir certa axilidade. Empregarase un programa libre para esta fin.

O curso de “Procesador de textos para nenas e nenos” impartirase de 10:30 a 11:30 horas. Con esta actividade amosarase a crear todo tipo de documentos de texto a través do programa libre Writer incluído no paquete ofimático LibreOffice. Os alumnos aprenderán a darlle formato ao texto, inserir imaxes nun texto, crear horarios e calendarios, etc…

O último dos cursos, desta primeira serie, será o de “Elaboración de presentacións para nenas e nenos”. Neste curso amosarase a crear presentacións de diapositivas mesturando texto, imaxes, formas e sons. O programa que se empregará para esta fin será o Impress incluído no paquete ofimático LibreOffice. Esta actividade terá un horario de 11:30 a 12:30 horas.

Para inscribirse nestas actividades ou para informarse sobre a segunda serie de cursos para nenas e nenos que comezará en breve, poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo S/N, a través da páxina web https://cemit.xunta.gal ou enviando un correo á dirección: cemit.burela@xunta.gal.

Exit mobile version