Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira ribadense do PSOE Aurora González pronúnciase sobre a renuncia de Roberto Ramos

Ribadeo, 26 de xuño de 2016.- O venres, a prensa facíase eco da renuncia do noso portavoz, Roberto Ramos, á súa acta de concelleiro e do meu futuro nomeamento no seu lugar. Pola miña parte, tería preferido que o meu cargo de concelleira viñera noutras circunstancias. Que o portavoz do noso grupo municipal se vexa obrigado a renunciar por motivos profesionais é, sen dúbida, unha mágoa para quen o apreciamos pero sobre todo para o concello de Ribadeo, que terá que prescindir dunha persoa cuxa valía é incuestionable.

Foi da súa man que me involucrei na política local e é da súa man como empeza unha nova etapa na miña labor na política que afronto ilusionada e moi animada, co mesmo compromiso cos veciños e cas veciñas de Ribadeo que me levou a iniciar este camiño con Roberto, a quen estarei sempre agradecida pola súa confianza en min e polo seu impecable traballo á fronte dun equipo de xente moi diversa, a maioría sen vínculo previo ningún e sen experiencia neste mundo; un equipo que segue a traballar unido para defender os intereses dos e das ribadenses. Porque nós, os concelleiros do grupo municipal socialista e mais os membros da executiva da agrupación socialista de Ribadeo, estamos aquí para intentar facer de Ribadeo un concello mellor para todos e para todas, para darlles voz ós veciños e veciñas da vila e das parroquias, para escoitar e para actuar.

Síntome moi afortunada por estar acompañada e arroupada por compañeiros e compañeiras moi responsables, entregadas e traballadoras, que poñen de manifesto o acerto de Roberto á hora de elixir a candidatura ca que concorreu ás municipais. Todos e todas xuntas seguiremos cumprindo cos compromisos que temos adquirido co noso concello e cos nosos e as nosas veciñas, defendendo sempre os valores e os principios socialistas.

Unha aperta,

Aurora

Exit mobile version