3 de xuño de 2015.- A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns, día 6 de xuño, unha campaña especial de control da taxa de alcoolemia e de consumo de drogas entre os condutores que se estenderá ata o domingo día 12.
Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán, durante toda a semana, os controis deste tipo a condutores nas vías galegas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar estas actuacións en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
A Delegación do Goberno lembra que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.
No ano 2014, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 39,09% deles presentaban unha taxa de alcol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 39,88% no caso de viandantes falecidos pola mesma causa. E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos. Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxesta de alcol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.
Cambio de hábitos
A DXT detectou un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoolemia no último decenio. En España pasouse da 5,1% inicial ao 1,7% dez anos despois e o propósito da DXT é baixar do 1% os positivos nos controis preventivos, tal e como se fixou ao deseñar a Estratexia de Seguridade Viaria para o decenio 2011-2020.
En todo caso, a Delegación do Goberno quere advertir que esta evolución non significa que se eliminou o risco. O obxectivo, tanto desta nova campaña especial como dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura, lémbrase, é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxesta de alcol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente.
Á parte do alcol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta as capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de sustancias psicoactivas será tamén obxecto de control nesta campaña especial.
Resultados de campaña anterior
Na campaña equivalente desenvolvida en xuño do ano pasado realizáronse un total de 21.370 probas de alcoolemia e 156 de drogas na rede viaria galega, resultando positivos 253 en alcol e 59 en drogas.