Site icon Crónica3.com A Mariña

A herdanza da señora Álvarez en Lourenzá

Equipo de goberno de Lourenzá. Unha vez máis o grupo municipal de goberno de Lourenzá ten que saír nos medios de comunicación para aclarar as mentiras e a mala fe da voceira popular, a señora Álvarez.

Non incumprimos o noso programa electoral. Nel prometeramos aos veciños e veciñas que se ía rebaixar o soldo da alcaldesa e eliminar o do tenente alcalde. E así se fixo. Foi a primeira medida que tomou o equipo de goberno. No último pleno acordouse que o concelleiro de Obras e Servizos percibira unha remuneración de 400 euros ao mes por un día á semana de dedicación ao Concello. Se sumamos esta cantidade ao soldo da actual alcaldesa, o resultado aínda é inferior ao que cobraba a señora Álvarez e seguimos sen tocar a dedicación do tenente alcalde. Promesa cumprida.

En canto a que a xestión de Rocío López sae cara aos veciños, ¿por que non conta a señora Álvarez o cara que nos saíu ela?

Cando o actual equipo de goberno chegou á Alcaldía, agora hai un ano, atopouse co orzamento anual totalmente esgotado e o Concello sometido a procesos xudiciais que si nos van saír moi caros a todos os veciños de Lourenzá.

O Concello ten que facer fronte neste ano a máis de 80.000 euros para arranxar as irregularidades urbanísticas que permitiu nun coñecido edificio situado na Avenida de Mondoñedo.

Tamén recentemente nos atopamos coa noticia de que a xustiza sentenciara a favor do recurso presentado pola Xunta de Galicia, polo que o Concello de Lourenzá terá que devolver a subvención concedida para o Pazo de Tovar. Isto suporá unha perda de case 100.000 euros.

Tamén son herdanza da señora Álvarez as pontes derruídas no val, que nos deixou sen arranxar. Desde a Consellería prometeuse á alcaldesa que se iniciarían as obras en menos de un mes. Coñecendo as promesas do Partido Popular non nos cremos nada. Seguramente será o Concello o que finalmente se teña que facer cargo das obras.

Deixounos a señora Álvarez unha grande herdanza. Por favor, ¡que non volva!

No que si estamos de acordo con ela é cando se refire á política de Rocío López de “queda ben”. Pois si. Rocío López é unha alcaldesa con talante, cunha moi boa relación cos veciños e veciñas de Lourenzá. É unha alcaldesa querida por todos e todas. Exactamente todo o contrario da señora Álvarez. Ela foi a alcaldesa do “queda mal” e segue empregando a mesma política na oposición, queda mal ata cos seus propios votantes.

Exit mobile version