Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade desenvolve un programa integrado de emprego para 60 persoas desempregadas de Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto, Burela e O Vicedo

A Mariña, 28 de xuño de 2016.- Seis Concellos da Mancomunidade de Municipios da Mariña levarán a cabo o programa integrado de emprego denominado Avanza Mariña lucense. No mesmo participarán sesenta persoas desempregadas, segundo deu a coñecer este martes Alfredo Llano. A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral concedeulle á Mancomunidade unha subvención de 104.000 euros para este fin. O custe total do proxecto será de 112.000 euros.

O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, relatou que “temos xa recibido a resolución favorable do programa integrado para o emprego que temos solicitado a través da Mancomunidade da Mariña, e ao final foron os Concellos de Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto, Burela e O Vicedo os que participarán neste programa do que se beneficiarán 60 persoas desempregadas”.

Llano detallou que as sesenta prazas se distribúen de seguinte maneira: “para persoas desempregadas con discapacidade hai 4 prazas, para persoas desempregadas en risco de exclusión social incluídas as receptoras de RISGA hai 5 prazas, para mulleres desempregadas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero no ámbito doméstico hai 3 prazas, para menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación 22, para menores de 30 anos desempregados temos 14 e para mulleres desempregadas 12 prazas”.

O presidente da Mancomunidade asegurou que “en pouco tempo imos reunirnos os Concellos de Barreiros, Mondoñedo, Pontenova, Riotorto, Burela e O Vicedo para analizar cómo podemos xestionar e cómo facer para poñer isto en marcha o antes posible. Ten que estar funcionando se así o decidimos a partir do mes de setembro. Hai que ter en conta que o total do custo do proxecto é de 112.661 euros e tería que comezar o 1 de setembro e rematar o 31 de agosto do ano 2017”.

Alfredo Llano subliñou que “unha vez que estea rematado este proxecto hai que integrar un tanto por cen dos participantes no mundo laboral. Hai que buscar unha serie de empresas que favorezan o emprego. O obxectivo de inserción marcado é do 35%, estaríamos a falar de 21 persoas.

Finalmente Llano destaca que “este programa Avanza Mariña lucense é unha boa cousa para a Mancomunidade da Mariña”.

Exit mobile version