Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pasokización do PSOE e os traballos de roza en Cervo

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. O pasado luns día 13 era unha data sinalada na axenda política española dada a celebración do tradicional debate televisivo preelectoral no que concorrían, adicionalmente aos representantes das forzas políticas tradicionais turnistas, os seus homólogos dos partidos emerxentes; unha re-escenificación do debate previo aos comicios de decembro coa salvidade da presencia do presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy.

A pesar do formato decimonónico e arcaico, da sobreactuación e excesiva teatralización dos intervintes, dese xeito de facer política que afasta aos actores da vida cotián e os aproxima á realidade 2.0 dos mass media e das redes sociais… penso que é de valorar que o tradicional debate a dous fose, neste caso, un debate a catro, e, igualmente, é de agardar –porque é simplemente unha asinatura pendente de primeiro de democracia- que algún día poida ser unha representación tan plural coma o conxunto de forzas políticas que concorren ao vindeiro proceso. E xa que nos embalamos, e si a cousa funciona, incluso se podería reformar a lei electoral, establecendo unha nova circunscrición…

As enquisas do CIS –esas que nunca reflicten a realidade material pero sempre serven de termostato- estimaban que, á data da celebración do debate televisivo do 13 de xuño, existía unha porcentaxe “indecisa” do 30% do electorado, cuio voto se podería decantar en virtude de tan magno evento.

O primeiro feedback post-espectáculo é que de pouco, ou nada, vai servir toda esta escenificación para convencer ao que aínda non o estaba.

O segundo, e penso que é a única conclusión medianamente nítida que se pode concluír, ten que ver coa denominada pasokización do PSOE, termo que se ven usando para nominar a unha futurible fagocitación desta forza política no caso dunha eventual confluencia con Podemos.

Penso que esta lectura é tan correcta coma, ao mesmo tempo sesgada, entendendo que o proceso de descomposición socialista acontecerá igualmente deste xeito como si, sensu contrario, decidise ser bisagra da “gran coalición” ou goberno de concentración.

Servidor entende que ese proceso de pasokización pode asemellar parcialmente por analoxía ao proceso de “ucedización” polo cal, o partido que gobernara España entre 1977 e 1982, sufriu unha debacle electoral na que perdeu máis de 150 deputados estalando en mil pedazos tres meses despois.

Unha vez feito de pitoniso agardemos a ver que pasa…

E do xeral ao concreto: era venres da semana pasada cando lle comentaba a meu pai que a herba e felgos das cunetas da localidade de Castelo chegaban ata a estrada, ao que el me replicaba que iso non era competencia municipal senón da Deputación.

Mentres intentaba atopar un sentido lóxico á explicación pensaba en aquilo que escoitei algunha vez: pois entón que me deixen votar onde teñan capacidade de decisión. É dicir, o próximo proceso electoral nacional terá que ser auspiciado polo Deustche Bundesbak, é alí onde se decide. Porque calquera estrutura administrativa ou de poder que non sirva para dar solución real aos problemas dos cidadáns é sinxelamente parasitaria, estatista e coercitiva.

Exit mobile version