Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará tres obradoiros de emprego na comarca da Mariña nos que participarán doce concellos

080616 Rolda obradoiros e lanzadeiras de empregoLugo, 8 de xuño de 2016.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, informou este mércores en rolda de prensa dos obradoiros de emprego que se poñerán en marcha proximamente na provincia de Lugo co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En concreto, na comarca da Mariña desenvolveranse tres talleres destas características nos que participarán doce concellos e que beneficiarán a 60 persoas en situación de desemprego. A Xunta destinará a estas iniciativas un orzamento global de 540.000 euros.

Os concellos promotores serán Foz, xunto cos municipios veciños de Alfoz, Mondoñedo e Valadouro; Barreiros, cos concellos da Lourenzá e Trabada; O Vicedo, xunto con Ourol e Muras; e A Fonsagrada, que desenvolverá o seu obradoiro xunto aos concellos de Negueira de Muñiz e A Pontenova.

Por outra banda, a consellería introduce este ano as lanzadeiras de emprego, proxectos formativos encamiñados, ao igual que os obradoiros, a mellorar a empregabilidade das persoas participantes, pero neste caso “impulsando a proactividade na búsqueda do posto de traballo e explorando as posibilidades de autoemprego”, segundo explicou Raquel Arias.

A Mariña contará cunha das tres lanzadeiras que se poñerán en marcha na provincia de Lugo, iniciativa que será desenvolvida pola Mancomunidade de municipios da comarca e que contará cun orzamento de 108.600 euros.

“O obxectivo do proxecto é conseguir mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos mariñáns desempregados, e, con tal motivo, o programa centrase fundamentalmente na promoción do emprendemento e na creación de novas empresas”, tal e como sinalou a delegada.

Así, en cada lanzadeira, os participantes poderán reforzar as súas competencias e descubrir posibilidades encamiñadas a atopar un posto de traballo ou crear o seu propio proxecto empresarial.

Raquel Arias quixo facer fincapé “no compromiso asumido pola Xunta para mellorar a cualificación laboral das persoas desempregadas co fin de ofrecerlles maiores posibilidades de inserción no mercado laboral”, e considerou “de vital importancia” a colaboración entre Administracións, neste caso entre a Xunta e os concellos, para asegurar o éxito destas iniciativas.

En toda a provincia de Lugo comezarán a impartirse proximamente 19 obradoiros, tres deles para menores de 30 anos, así como tres lanzadeiras de emprego, o que suporá, en conxunto, un investimento de preto de 3,6 millóns de euros.

Exit mobile version