Lugo, 3 de xuño de 2016.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Lugo xunto coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, na presentación de dous proxectos creados polas asociacións AELU (Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo) e E-DEIDADES (Asociación para a integración laboral e social da muller), xunto coa presidenta destas entidades, Beatriz Varela Regueira.
Estas asociacións forman parte das 60 beneficiadas en toda Galicia, pola orde de subvencións da Secretaría Xeral da Igualdade dirixida a entidades sen animo de lucro para impulsar programas sociais dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. O obxectivo destes programas é apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino, impulsando actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas.
O proxecto Lanzadera 2016, de AELU, ten como obxectivo apoiar o autoemprego e as iniciativas emprendedoras a mulleres, especialmente as que se atopan en situación de especial vulnerabilidade. Con esta iniciativa quérese axudar a emprender e facer asesoramento individualizados: itinerarios de emprendemento para mulleres emprendedoras dende o nacemento da idea ata a conclusión do proxecto para a súa plena integración social e laboral. O proxecto desenvolverase en Lugo cidade e concellos rurais como Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Rábade e Outeiro de Rei.
Pola súa banda, o proxecto de E-DEIDADES “Busca de emprego 3.0” quere conseguir que as mulleres, a través do uso da tecnoloxía, poidan coñecer o funcionamento do mercado laboral e principalmente a busca de emprego. O programa consiste en actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas para a mellora da empregabilidade, está dirixido a mulleres desempregadas e desenvolverase en Lugo cidade e con reclusas do Centro Penitenciario de Bonxe en Outeiro de Rei para facilitarlles a súa inserción laboral.
Ambos proxectos pretenden atender a un mínimo de 70 mulleres e a selección das participantes farase en colaboración con outras entidades: Concello de Lugo, INEM, Cáritas e Cruz Vermella.