Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA reflexiona sobre “a necesidade dun estudo de mercado antes de abrir un negocio”

Ribadeo, 23 de xuño de 2016. Autónomos e representantes de pequenas empresas seguiron este mércores a charla coloquio impartida por Antonio Vicente Fernández, avogado e profesor do Instituto de Empresa, na antiga casa sindical. A cita foi organizada por Acisa co obxectivo de aconsellar sobre todo o que precisa saber un emprendedor para proceder á apertura e xestión dun pequeno negocio.

Antonio Vicente insistiu na necesidade de contar cun bo estudo de mercado, antes de emprender esta andaina profesional, así como dun cálculo detallado do investimento para realizar, dos ingresos e dos gastos previstos (autónomos, teléfono, auga, luz, seguros, mercadoría, etc?), ademais dos imprevistos que poidan xurdir. O avogado e profesor do Instituto de Empresa considera que “é necesario ter os pés no chan e estudar ben todos os proles e os contras antes de abrir un negocio”.

Acisa fai unha valoración positiva de charla-coloquio celebrada onte e agradece a Antonio Vicente Fernández “os consellos dados, dunha forma moi clara e concisa aos asistentes ao acto celebrado onte. Desde a Asociación de Comerciantes seguiremos nesta liña, organizando actividades e charlas que sexan de interese para os nosos asociados”.

O conferenciante foi presentado polo presidente de Acisa, David Martínez.

Exit mobile version