Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA Ribadeo anima a aproveitar as rebaixas de verán que arrincan nuns días

Ribadeo, 29 de xuño de 2016. Acisa anima a aproveitar as rebaixas de verán, que de forma oficial arrincarán o vindeiro venres, 1 de xullo, a pesar de terse liberalizado este período desde o ano 2012.

En Acisa sinalan que “a Federación de Comercio pedía nas últimas horas que o sector do comercio, roupa e calzado, etc. teña como referencia esta data de inicio para que así tamén a teñan presentes os seus clientes, aínda que é certo que desde fai catro anos xa se van habituando aos diferentes tipos de descontos que os establecementos ofrecen durante todo o ano, aínda que os máis importantes e fortes para o sector sexan os de inverno e verán”.

Acisa lembra algúns dos consellos que clientes e comerciantes deben ter en conta: “os artigos que se poñen de rebaixas deben ser os de tempada, que teñen que aparecer co prezo anterior e o actual, é dicir o rebaixado. E é necesario contar con ticket da compra efectuada”.

Desde Acisa engaden que “as rebaixas son un bo momento para facerse con moitos artigos a prezos moi interesantes e é un período moi importante de vendas para moitos dos nosos asociados”.

Tradicionalmente o comercio en Ribadeo abre os domingos e pecha os luns. A maioría dos establecementos asociados abrirán os domingos e os luns do verán. O 4 de xullo, primeiro luns de rebaixas, estará aberto. Este período de descontos concluirá a finais de agosto.

Exit mobile version