Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe insta á Unión Europea a acabar co vergoñento negocio das patentes da medicación contra a SIDA

Estrasburgo, 6 de xuño de 2016.- Dende este luns día 6 e até este xoves día 9 o Parlamento Europeo está en sesión plenaria en Estrasburgo.

Esta primeira xornada deu comezo ca información trasladada pola Comisión Europea ao respecto da Reunión de Alto Nivel que a Asamblea Nacional de Nacións Unidas vai desenvolver entre o 8 e o 10 de xuño co obxectivo de avanzar na erradicación da SIDA.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, contextualizou a voracidade desta enfermidade lembrando na súa intervención que a Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA) provocou nos últimos vintecinco anos máis de 34 millóns de mortes, afecta anualmente a case 36,7 millóns de persoas e, lonxe de remitir na súa incidencia, só no ano 2015 producíronse 2,1 millóns de novos contaxios.

“Cómpre redobrar esforzos para poñer fin a esta epidemia”, instou. Para iso, concretou, a Unión Europea e todos os participantes nesta Reunión de Alto Nivel “deben poñer en marcha todos os mecanismos ao seu dispor” para rematar ca discriminación e o estigma social que sofren as persoas enfermas a causa da ignorancia e do descoñecemento desta enfermidade.

Nesta liña, “urxe eliminar as leis que aínda existen nalgúns países, algunhas mesmo aprobadas en 2015, que criminalizan as persoas portadoras do virus”. Isto implicaría tamén garantir que ningunha persoa afectada perda o seu posto de traballo.

Aliás, “é imprescindíbel garantir servizos públicos de saúde e de saúde sexual e reprodutiva para todas as persoas”, así como multiplicar os esforzos no ámbito da prevención e “asegurar o acceso universal aos medicamentos poñendo fin ao monopolio da industria farmacéutica e ao vergoñento negocio das patentes”.

Un dos ámbitos máis sensíbeis neste sentido, a investigación, “deberá ser pública e ao servizo das persoas”, esixiu Senra, no canto de entregar suculentas cantidades de diñeiro público á industria “que acaba poñendo os intereses do seu accionariado por riba do dereito á saúde das persoas”, recriminou.

Dende Alternativa Galega de Esquerda subliñamos unha vez máis que A Unión Europea e as potencias occidentais “deben poñer fin definitivamente ás súas políticas de saqueo e empobrecemento dos países do Sur”, responsábeis da situación de pobreza e desigualdade que contribúe de maneira determinante a que enfermidades como a SIDA batan sempre con máis forza nas poboacións empobrecidas.

Exit mobile version