“Acumulamos moito cansazo; chegamos un pouco xustas de forza, pero intentarémolo suplir coa grande ilusión e afán de superación que sempre nos caracterizou e que nos fixo chegar ata aquí” explicaba o técnico laranxa tras o último adestramento da semana, restando importancia ao cartel de favorito: “Non temos a presión que quizais poida ter Navalcarnero, por conseguir un título na tempada, ou Alcorcón, ao xogar na súa casa; para nós é a clausura perfecta do mellor ano do equipo e aínda o podemos despedir moito mellor. Todo o que poidamos conseguir na Copa será un premio para o equipo, para o club e para a afección” explicaba exultante Lucas co seu novo look xa retocado, tras cortar a coleta a semana pasada en Logroño como promesa por gañar o título.
Incidindo na complexidade de calquera dos posibles rivais, o adestrador mariñán advertiu sobre a sintonía de individualidades e xogo de equipo do rival. “Ten a xogadoras como Anita Luján e Belén que che poden gañar o partido elas soas, sen deixar de basear o seu xogo no bloque”.
Nos seus dous enfrontamentos de liga, o Pescados Rubén soubo resolver a contenda con 2-3 e 4-2 ao seu favor.
A expedición mariñá partirá este mediodía (14.00 horas) cara ao reto copeiro, coas baixas de Shio, Emma e Lara e algunhas molestias. “Peque chega con sobrecarga, Gaby aínda non está ao cento por cento do seu xeonllo e Ceci estase recuperando dunha escordadura de nocello. “Xa nos sobrepuxemos a situacións peores e esta vez non será diferente” concluía Lucas, convencido de que a coraxe e a actitude das xogadoras laranxas volverán ser a arma a bater.
CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 25. Silvia Rubal, 31. Eva
Teledeporte
A canle temática de Deporte da Corporación de Radio e Televisión Española (RTVE) emitirá en directo os dous encontros de semifinais (sábado 17.00 e 19.00 horas) e en diferido a final do domingo a partir das 15.30 horas.
Apoio pataqueiro
Máis de medio cento de socios da peña A Pataca Naranxa desprazarase a Alcorcón para apoiar as campioas de liga no seu próximo desafío competitivo, aos que se unirán afeccionados en vehículos particulares e o grupo máis ‘ultra’, que xa estivo nas bancadas de Logroño na última xornada.