Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano asegura que o Concello de Burela non ten por que condonarlle taxas á empresa que realizará as obras de ampliación do Hospital da Costa

Burela, 29 de xuño de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, cualifica de irresponsables as declaracións realizadas polo portavoz do grupo municipal popular sobre a ampliación do Hospital da Costa. Llano subliña que o Concello non ten por qué condonar unha taxa e un imposto a unha empresa que estea a realizar unha obra pública. E recalca que o Concello non ten ningunha intención de ralentizar esas obras, senón todo o contrario.

O rexedor explicou que “teremos un pleno extraordinario o vindeiro martes, 5 de xullo, para proceder á aprobación definitiva do orzamento xeral do Concello para o ano 2016. Tiñamos pendente de responder unhas emendas, ímolo facer e procederemos á aprobación definitiva do presuposto. E outro punto é a declaración da obra de ampliación do Hospital da Costa, como obra de interese supramunicipal por razóns sociais”.

Alfredo Llano sinalou que “na pasada xunta de goberno xa falamos deste asunto, da ampliación do Hospital da Costa, estivemos a analizar os pros e os contras de facer unha modificación do 90% á empresa concesionaria que se encargará de realizar esas obras. Nós estamos a observar que esa licitación foi feita nuns termos que para nada benefician ao conxunto da obra, nin ao conxunto da poboación, nin se fan bonificacións nin melloras en aspectos, que poderíamos dicir laborais, especificamente aclarados. Senón que a empresa licita e faino nunhas condicións nas cales lle marcan que como resultado ten que pagar as taxas e os impostos que deriven das licencias”.

O alcalde dixo que “nós argumentamos, expoñemos e razoamos perfectamente desestimando a solicitude de obra de especial interese, basicamente porque a ampliación do Hospital da Costa queda fora do ámbito exclusivamente municipal, é un servizo que corresponden a todos os concellos da comarca da Mariña e si fora unha cuestión única e exclusiva do concello de Burela aínda se podía tratar, pero tal e como foi efectuada a licitación nin sequera así. E despois as cuestións que resulten derivadas e aplicables para a execución do proxecto ten que pagalas a empresa concesionaria”.

Desde o equipo de goberno consideramos que “é de recibo e unha responsabilidade cobrar estes impostos e estas taxas, xa que sairán beneficiados os veciños e as veciñas de Burela neste aspecto. Non temos por qué condonar unha taxa ou imposto a unha empresa, porque nin sequera se especifica cal será o resultante desa bonificación, en qué repercutiría e beneficiaría ao conxunto dos veciños, etc…”.

Sobre as declaracións efectuadas nas últimas horas polo portavoz do grupo municipal popular Alfredo Llano manifestou que “son feitas dun xeito irresponsable e nas mesmas ven dicir que nós estamos en contra da ampliación do Hospital da Costa ou que estamos a ralentizar eses traballos. O Concello de Burela beneficiará en todo o que lle sexa posible á empresa na resolución da obra, mentres estea a traballar aí aportaremos todo o que estea na nosa man. Xa lle ofrecemos, porque así nolo pediron, uns solares, unhas zonas determinadas para deixar os vehículos ou os materiais que se empreguen para facer eses traballos. Iso será unha realidade en canto empecen a traballar. Nós o único que estamos é a favor dos veciños e das veciñas de Burela, hai que respectar os dereitos e as obrigas tamén. Si esta empresa ten a obriga de pagar, pagará”.

O rexedor insistiu en que “tal e como están as circunstancias non se ve que esta bonificación fose ter repercusión en melloras para os veciños e veciñas de Burela, nin sequera en melloras do propio Hospital da Costa. Estamos a favor de favorecer a obra do hospital, pero hai que aplicar o cobro de taxas e impostos, tal e como está previsto. O señor Barcia fai unhas declaracións totalmente irresponsables nas que asegura que aprobamos o proxecto porque non nos quedaba máis remedio. O proxecto non se aproba por iso, senón porque se contrasta, se comproba e se ve que está correcto e está ben. Aquí non estamos para limitar ou desfavorecer ou ralentizar os proxectos das obras que se poidan facer, senón que estamos para apoiar, por tanto non teñen ningún sentido as declaracións efectuadas polo señor Barcia no día de hoxe”.

Llano considera que “estamos diante dunha decisión xusta que beneficiará ao conxunto dos veciños e veciñas de Burela. Sería unha mágoa bonificar a unha empresa porque estea a realizar unha obra pública. É de xustiza aplicarlle os impostos e as taxas correspondentes”.

Exit mobile version