Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado o orzamento de 96,3 millóns para emprego, infraestruturas e políticas sociais nos 67 Concellos

O Pleno deste luns aprobou definitivamente o presuposto da Deputación para 2016 logo de que a proposta orzamentaria que presentou a unha sesión extraordinaria o Presidente, Darío Campos Conde, acadase o apoio dos Deputados do PSOE, PP e do non adscrito. “Houbéseme gustado contar coa unanimidade, pois estivemos negociando ata o último minuto e incorporando achegas de todos os grupos políticos, pero non puido ser”, salientou Campos Conde ao respecto do voto en contra do BNG. Con todo, engadiu, “hoxe é un día de noraboa para todos os lucenses, pois aprobamos a miña proposta de orzamento de 88,3 millóns de euros, aos que hai que sumar outros 8 millóns de euros de remanentes, supoñendo un total de 96,3 millóns de euros para este ano. É unha proposta de orzamento para todos, para os máis de 350.000 veciños dos 67 Concellos da provincia; e baseada, tal e como dixen no Parlamento de Galicia, en dar resposta ás prioridades dos lucenses. Estas son o emprego, as infraestruturas e as políticas sociais”.

“É certo que me houbese gustado moitísimo ter dado esta boa noticia hai tempo. Creo que é de honestidade recoñecer culpas, ao tempo que tamén creo que é imprescindible pedir desculpas a todos e cada un dos lucenses por esta longa tardanza. Eu fágoo na miña persoa e como máximo responsable desta institución. Para min, e estou convencido que para moitos cidadáns, non hai xustificación válida algunha para non ter xa en plena execución na nosa provincia o orzamento da Deputación para 2016. E máis aínda, cando esta administración non ten carga financeira algunha. Pois a de Lugo é unha das poucas Deputacións en España con débeda cero. Isto permítenos duplicar, con respecto ao ano pasado, os investimentos no conxunto da provincia e para o conxunto dos lucenses con esta proposta de Presuposto para todos”.

“Como dixen o día da miña toma de posesión, sempre entendín, e entendo, que a política é un instrumento social que naceu por e para os cidadáns. Polo tanto, só respondendo as súas necesidades se fai POLÍTICA CON MAIÚSCULAS. No momento actual no que vivimos, con máis pluralidade política e gobernos en minoría que nunca, é imprescindible o diálogo, o consenso e os acordos entres os diferentes partidos, tal e como nolo están a reclamar os cidadáns, para poder facer esta política con maiúsculas. E isto é o que fixemos coa aprobación do Orzamento. De non chegar a este acordo, estaríamos privando aos lucenses, sen motivo algún, de investimentos de 30 millóns de euros para toda a provincia cun orzamento prorrogado. É cuestión de responsabilidade, de facer primar o interese xeral dos cidadáns aos individuais ou partidistas, como ten que ser para facer unha verdadeira política con maiúsculas. Isto é o que nos está a reclamar a cidadanía. Debémosllo. Agardo que o día de hoxe sexa un antes e un despois na Deputación de Lugo”, subliñou.

Acordos presentados en rolda de prensa
Tal e como recolle o punto 14 do acordo, este debía ser presentado, a petición do Partido Popular, por todos os seus asinantes nunha rolda de prensa conxunta. Así o fixeron o Presidente, a voceira provincial do PP e o Deputado non adscrito. Darío Campos remarcou que “este é un acordo coa provincia, un acordo cos máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos. Pois con el garantimos a aprobación definitiva e inmediata execución, unha vez publicado no BOP, do orzamento para 2016, dotado de 96,3 millóns de euros para emprego, infraestruturas e políticas sociais por igual e para o conxunto da provincia de Lugo”.

Acordos económicos
O Presidente explicou os acordos acadados e incorporados a súa proposta de orzamento. “No eido económico, no que, practicamente, sempre estivemos de acordo todas as forzas políticas, estes son os seguintes”:

PRIMEIRO: “Garantir un Plan de Obras e Servizos de 5,7 millóns de euros. É a mesma cantidade que adiantei no Parlamento galego e incluíu na miña proposta inicial de Orzamento para 2016 co obxectivo de triplicar a achega da Deputación para obras municipais nos Concellos e, polo tanto, incrementar a cooperación coas entidades locais. Este compromiso manterase durante todo o mandato, é dicir, ata 2019 inclusive”.

SEGUNDO: “Achegar 1,5 millóns de euros ao SAF durante todo o mandato. Tamén se trata do mesmo orzamento que dixen no Parlamento galego e incluíu na miña proposta inicial de Orzamento da Deputación para 2016”.

TERCEIRO: “Un plan de emprego para todos os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, polo que sempre apostei. Esta iniciativa manterase durante todo o mandato e terá un orzamento de 3 millóns de euros. Como sempre defendín, no reparto de fondos terase en conta a poboación e o número de desempregado. Ademais, serán os propios municipios os que se encargarán da selección e contratación dos traballadores. Na miña proposta de Orzamento de 2016 hai máis de 6 millóns de euros para emprego. Os restante 3 millóns serán para programacións que consensuaremos con todo o tecido asociativo e empresarial co obxectivo de intentar garantir unha maior inserción laboral. É dicir, que rematado o plan da Deputación, sen as subvencións provinciais, as entidades beneficiadas continúen cos traballadores contratados pola súa necesidade para impulsar os seus negocios”.

CUARTO: “Respectar, como fixen dende o primeiro momento, os convenios con 17 Concellos que deixou asinados Elena Candia estando na presidencia. Sempre os respectei polo que os incluín na miña proposta inicial de orzamento coa súa correspondente dotación económica, que non tiñan, dotada de máis de 2 millóns de euros para esta anualidade. Na busca do equilibrio, outros máis de 4,5 millóns de euros do presuposto para este ano, serán, tal e como defendín sempre, para obras nos restantes Concellos da provincia, beneficiando aos 67”.

QUINTO: “Dos 1,5 millóns de euros incluídos xa na miña proposta de orzamento para os centros de maiores de Folgoso do Courel, Portomarín e Becerreá, 500.000 euros serán para a residencia deste último municipio da Montaña. Comprometémonos a financiar o centro de maiores de Becerreá nestas 4 anualidade (2016-2019), cunha achega máxima por ano que non será superior aos 2 millóns de euros. Pois creo que de non facelo así non sería xusto para os restantes Concellos da provincia. O municipio de Becerreá comprométese a participar no financiamento cun mínimo de 300.000 euros”.

SEXTO: “Comprometémonos a posta en marcha dun plan de dotación de marquesiñas en todos os Concellos da provincia, con criterios obxectivos de reparto, que garantan un mínimo de 2 marquesiñas por municipio”.

Acordos sobre as bases de execución do orzamento
“Os restantes acordos aos que chegamos son relativos ás bases de execución do Orzamento, asunto que non se tratou ata á presentación de emendas e alegacións, é dicir, que non foi plantexado nin abordado durante as negociacións inicias do Orzamento. Salientar que cos acordos acadados garantimos que o Goberno Provincial poida desenvolver a súa función diaria de xestor e a oposición a súa de fiscalización. Pois introducimos novos mecanismos de participación política sen mermar as funcións ou responsabilidades que cada grupo político ten nesta Corporación Provincial”, remarcou. Estes acordos son:

PRIMEIRO: que as subvencións nominativas da Deputación serán propostas polo Presidente ao Pleno Provincial para a súa aprobación, como sempre se fixo. Por exemplo, na proposta de orzamento do Presidente que se aprobou hoxe inclúense subvencións nominativa dun total de 320.000 euros para o impulso do benestar, de 400.000 euros para deportes, de 280.000 euros para cultura ou de 90.000 euros para citas gastronómicas nos Concellos.

SEGUNDO: que as subvencións excepcionais da Deputación serán propostas e concedidas polo Presidente, establecendo unha cantidade máxima de 40.000 euros.

TERCEIRO: que as bases para a concesión de subvencións de concorrencia competitiva serán propostas polo Presidente e aprobadas en Xunta de Goberno. Con todo, antes da súa aprobación polo órgano competente (Xunta de Goberno), estas deberán ser debatidas e acordadas por unha comisión política, na que participarán o Presidente, un representante de cada grupo político e o Deputado non adscrito. No caso de non conseguir o visto e prace desta comisión política, aprobaranse as bases da convocatoria anterior co obxectivo de garantir sempre estas importantes axudas para todo o tecido asociativo da provincia.

CUARTO: seguirá sendo competencia do Presidente as modificacións ou transferencias de crédito do orzamento, que non excederán a cantidade de 150.000 euros, ata unha cuantía máxima de 2 millóns de euros durante o ano. No caso de ser necesaria unha modificación ou transferencia de crédito superior a dita cantidade (150.000 euros), o Presidente fará unha proposta ao Pleno para a súa aprobación.

QUINTO: en canto a xeración de remanentes, tamén seguirá sendo o Presidente o que propoña a incorporación dos mesmos ao orzamento. No caso de que se xeren en materias comprometidas neste acordo (por exemplo, POS ou SAF), incorporaranse, directamente, para os mesmos fins. No caso de que se xeren en materias non comprometidas, o Presidente fará unha proposta para o seu debate e aprobación na comisión política con representación de todos os grupos e do Deputado non adscrito.

Exit mobile version