Mondoñedo, 2 de xuño de 2016.- Un amplo programa desenvolverase o sábado 4 en Mondoñedo onde máis de 500 voluntarios de Cáritas Galicia terán oportunidade de reflexionar sobre “O Voluntariado de Cáritas: Pegadas de Misericordia”, asistir a unha Eucaristía na catedral e coñecer as pegadas que a Historia foi labrando na cidade mindoniense.
Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol en calidade de entidade acolledora e organizadora do 9º Encuentro de Voluntarios de Galicia, desenvolveu un amplo programa de actos que teñen como eixos o encontro, a reflexión sobre o “Ser Voluntario en e de Cáritas”, a celebración eucarística, a cultural e a dimensión de fraternidade e gratuidade dos voluntarios e voluntarias.
Así, o claustro do Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo acollerá a partir das 10 da mañá aos máis de 500 voluntarios procedentes das cinco Cáritas diocesanas de Galicia que participarán no encontro e que serán recibidos cun café de benvida e a degustación da súa popular tarta. Ás 10.30h. entregarase unha carpeta a cada participante nas carpas instaladas na praza da Catedral mindoniense.
Ás 11 horas, terá lugar na Catedral-Basílica unha Eucaristía presidida por Mons. Luis Ángel de las Heras.
Trala eucaristía, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, ofrecerá un saúdo de benvida aos voluntarios e realizarase unha foto de familia diante dunha alfombra floral elaborada para este acto; posteriormente o Responsable de Voluntariado de Cáritas Española, Emilio López Salas, pronunciará a conferencia “O Voluntariado de Cáritas: Pegadas de Misericordia” no salón de actos do Seminario Santa Catalina.
Á comida de fraternidade nos comedores do Real Seminario Santa Catalina seguirá un amplo abano de opcións para Coñecer Mondoñedo: O Barrio Artesán “Os Muíños”; o Centro de Interpretación do Camino Norte de Santiago; o Museo Diocesano e Catedralicio e un desprazamento á Basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz, conforman un programa para cuxa realización o Concello de Mondoñedo brindou unha grande colaboración.