Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro, en Mondoñedo: “Os moderados somos máis ca os extremistas, por iso se concentramos o voto, gañará España”

IMG_1250Mondoñedo, 24 de xuño de 2016.- O voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, pediu este venres, no último acto de campaña en Mondoñedo, o voto para o Partido Popular. “Os moderados somos máis ca os extremistas; por iso, se concentramos o noso voto en torno ao PP, gañará España e gañaremos todos”.

Barreiro inisistiu en que “non podemos deslizarnos pola pendente do radicalismo” por iso é importante que “todos os constitucionalistas, todos os que queremos vivir nunha España segura e avanzada, votemos ao PP”. A renglón seguido, o dirixente popular dixo que “mesmo o Sr. Rivera, se quere favorecer a gobernabilidade de España, este domingo votará ao Partido Popular”.

Na súa intervención, José Manuel Barrerio resumiu a campaña electoral; “vimos a Iglesias eloxiando a Zapatero, a Sánchez eloxiando o comunismo e a Rivera eloxiándose a si mesmo”. “non hai dúbida –continuou- de que os tres teñen serios problemas á hora de encontrar referentes de prestixio”.

Victoria do Brexit
Barreiro non quixo pasar por alto a victoria do Brexit e a saída do Reino Unido da Unión Europea. Pediu tranquilidade e confianza porque, asegurou, “España ten agora unha economía sólida que permite afrontar este revés en situación de fortaleza”. Neste senso, destacou a situación actual de crecemento económico, o equilibrio das contas exteriores e o saneamento do sistema financiero español “que axudarán as soportar as turbulencias que poidan xurdir”.

A continuación, Barreiro explicou que a victoria dos extremistas no Reino Unido fixo que o seu país vaia quedar fóra da Unión Europea. “Non podemos deixar que os extremistas gañen tamén en España e nos leven de novo á crise a ao rupturimo. Por iso –insistiu- agora máis ca nunca precisamos a unión de todos os votantes moderados”.

Fixo fincapé na “campaña sucia” emprendida estes últimos días polos radicais en contra do Partido Popular: “saben da transcendencia destas eleccións e pretenden intoxicar a campaña. Non podemos permitir que saian coa súa e para iso temos que movilizar ata o último votante moderado, porque nunca nos xogamos tanto”, concluíu.

A favor da unidade, a favor de España
Pola súa parte, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, asegurou que “hoxe máis ca nunca temos que apostar por sistemas estables e non por sistemas separatistas, que xeren incertezas, precisamente cando Europa vai ter que afrontar importantes retos que van afectar ás nosas empresas, aos nosos mozos, ao noso futuro”.

A este respecto, a líder popular dixo que “agora non necesitamos a xente que siga o fío separatista, necesitamos partidos consolidados, que aposten pola unidade”. “Non nos deixemos levar polo populismo barato, apostemos pola serenidade fronte ós que rompen con todo”, dixo Candia.

Durante o seu discurso, Candia recordou que foi o executivo de Mariano Rajoy o que permitiu que “hoxe falemos de recuperación e non de crise, grazas á cultura de traballo e de esforzo que representa o PP”.

A líder popular lamentou a actitude de bloqueo e de negativa que teñen outras formacións políticas para “con todo o que supoña avanzar e defender o interese común”. “Nós non estamos en contra de ninguén, estamos a favor das pensións, da sanidade, da educación, a favor do emprego, a favor da unidade do país, a favor de España”, dixo Candia.

A este respecto, Candia pediu actuar con “sentidiño común, pensando nun único goberno, forte, estable, cun proxecto sólido, no goberno do PP e non nunha amalgama de partidos sen identidade nin rumbo fixo”.

Ademais, amosou o seu orgullo porque o peche de campaña fose en Mondoñedo. “Nestes últimos compases de campaña, dende a miña terra, apelo aos meus veciños, amigos, a todos vós que confiastes na miña xestión, pídovos agora que apostedes polo partido de Mariano Rajoy, polo meu partido”.

Exit mobile version