Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “A única saída para que o campo galego non quede abandonado á súa sorte pasa por superar os intereses individuais e sumar esforzos”

Mondoñedo, 20 de xuño 2016.- A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, incidiu este luns durante unha visita á vila luguesa de Sasdónigas na idea de que o campo galego “ten rendibilidade económica para a xente do rural e é necesario que se poña en valor”.

Durante o paseo que realizou acompañada da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, do candidato ao Congreso pola provincia de Lugo, Joaquín García Díez, así coma doutros representantes do partido, a líder popular dixo que “a única saída para que o campo galego teña futuro e non quede abandonado á súa sorte pasa por superar os intereses individuais e sumar esforzos”.

Para Candia, o campo galego ten futuro e moitas posibilidades de desenvolvemento que non se poden deter. Recordou que existe unha cantidade inxente de superficie agraria parada e abandonada que é útil e que hai moitos gandeiros que precisan de máis superficie e non a teñen. “A fragmentación da terra dificulta en moitos casos o desenvolvemento agrario, por iso unha das solucións para conseguir maior rendibilidade económica é a de poñer en común a terra, a de sumar esforzos”.

Sobre este tema, a líder popular aproveitou para facer unha comparanza coa situación política onde dixo que “os individualismos e personalismos só levan ao fracaso e ao estancamento, como de feito xa estamos a ver cos novos líderes nacionais que temos en fronte”. Para Candia, o avance en calquera ámbito da vida só se consegue cunha “visión integradora e de equipo”.

“Hai moitos tópicos ao redor do campo galego, como a percepción de atraso, pero o atraso é non actuar. A terra non pode quedar abandonada”, dixo Candia. Precisamente, a presidenta dos PP provincial dixo que “o campo galego tivo que esperar a que un Goberno do PP chegase á Xunta para que procesos como o de Sasdónigas quedasen desbloqueados”. Dende agosto do ano 2014 os 257 propietarios da concentración parcelaria desta vila xa poden facer uso das súas novas leiras de substitución, unha vez que finalizou o proceso ao que a Xunta dedicou 1,2 millóns de euros.

Tamén recordou que para mellorar a rendibilidade produtiva da terra e impulsar a concentración parcelaria a Xunta vén de aprobar unha partida de 22 millóns de euros para este exercicio, o que supón triplicar a inversión destinada a esta actividade que en anos anteriores rozaba os 8 millóns. Así, poderanse finalizar 137 zonas activas, o que supón actuar en case un millón de parcelas, case 120.000 hectáreas e beneficiar a 100.000 propietarios, ademais de comezar a traballar noutras parcelas con importancia hortícola, forestal e vinícola.

Ademais, sinalou que entre os beneficios que se derivan da concentración parcelaria están, non só o de mellorar a rendibilidade económica do campo, tamén o de mobilizar aquelas terras abandonadas ou que non formen parte de explotacións para uso agrario, potenciar a conservación de zonas de interese ambiental, minimizar os efectos das grandes obras públicas e executar camiños secundarios na zona de concentración, principalmente.

Dende que comezou o proceso de concentración parcelaria en Galicia xa se actuou sobre 1025 zonas das que case o 77% están xa rematadas.

A presidenta do PP de Lugo e o resto de líderes políticos visitaron tamén unha queixería en Vilalba e mantiveron un encontro cos veciños de Riotorto.

Exit mobile version