Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “É a nosa obriga moral dar apoio ás mulleres viúvas con fillos, elas reverten á sociedade moito máis do que reciben”

Sarria, 18 de xuño de 2016.- A Presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, amosou en Sarria o seu firme compromiso coas mulleres viúvas, especialmente con aquelas que teñen fillos ao seu cargo e se atopan nunha situación de precariedade económica.

Durante o encontro co colectivo de viúvas Concepción Ulloa, a líder dos populares en Lugo quixo deixar constancia de que unha das caras dos fogares que se atopan en situación de dificultade é a dunha muller viúva con fillos.

A este respecto, Candia dixo que especialmente as mulleres viúvas con fillos ao seu cargo son un exemplo de auténtica “valentía” e “coraxe” ante unha situación que non foi buscada e da que dixo “debemos ser todos partícipes”.

No seu discurso a líder popular deixou claro que “é xusto dar apoio a este colectivo de mulleres porque elas reverten á nosa sociedade moito máis do que reciben, por iso debemos estar sempre do seu lado”. “Á crise persoal pola perda do cónxuxe non se pode sumar tamén a crise económica no fogar, derivada da dificultade pola conciliación laboral e familiar”.

Neste sentido amosou o compromiso da Xunta de Galicia a favor da conciliación, con medidas como a concesión de prazas nas garderías públicas e instou aos poderes públicos e aos empresarios a seguir trazando estratexias conxuntas para facilitar a coordinación entre familia e traballo. “Dende o PP traballaremos sempre pola igualdade, esa é unha das nosas prioridades, porque permite que a sociedade avance e nós queremos futuro”.

Ademais, a líder popular reiterou o firme compromiso do PP coas pensións “que en moitos casos son o único apoio que teñen estas mulleres para saír adiante”, precisamente por non poder acceder ao mundo laboral. Neste sentido, Elena Candia recordou que, pese ao momento económico no que estamos, o Goberno de Mariano Rajoy blindou as pensións e recoñeceu que “aínda que son insuficientes polo menos co PP están garantidas”. “Entre os compromisos básicos do proxecto popular está que as pensións crezan ano a ano, nin se conxelen, nin se recorten”, matizou.

Sobre este tema, Candia tamén lembrou o complemento á pensión das nais que se vaian xubilar, aprobada na pasada lexislatura polo Goberno popular, e do que poden beneficiarse aquelas mulleres que teñan fillos naturais ou adoptados e sexan xa beneficiarias de pensións contributivas de xubilación, viuvez ou incapacidade permanente.

Os maiores, fonte de sabedoría e experiencia
Candia tamén recordou que a esperanza de vida da muller é máis alta ca do home e que por iso moitas mulleres son viúvas maiores. “A algúns éncheselles a boca dicindo que os votantes do PP son os maiores. Eu dígolles a todos os que renuncian deles que o maior é o que ten a sabedoría e a experiencia, por iso o Partido Popular é sinónimo de experiencia”. “Mentres outros vos desprezan, nós construímos futuro da vosa man, da man da experiencia que dan os anos de vida”, dixo a líder popular.

Precisamente, o PP vén de presentar un vídeo de campaña no que se homenaxea a figura dos avós.

Ademais a líder popular tamén tivo a oportunidade de reunirse con Cáritas Sarria e coa asociación Bordón Sarriao.

Exit mobile version