Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “O pasado domingo Lugo falou alto e claro a favor da estabilidade do país e da provincia”

Lugo, 29 de xuño 2016.- Tras analizar os datos electorais polo miúdo, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, expresou este mércores a súa satisfacción porque Lugo falara o pasado domingo “alto e claro a favor da estabilidade do país e da provincia”.

A líder dos populares en Lugo dixo que “o PP de Lugo non só conseguiu gañar as eleccións senón que fomos a única formación política que medrou en número de votos, con cinco puntos máis respecto dos pasados comicios de decembro”. A formación que lidera Candia pasou do 42,51% ao 47,46% en canto á porcentaxe de voto, o que supón un incremento de 4.252 votos, nunhas eleccións nas que participaron 12.705 persoas menos que hai seis meses.

Sobre isto, tamén quixo puntualizar a presidenta popular quen asegurou que “Lugo é a provincia galega que máis crece en canto á porcentaxe de voto e que é o segundo mellor resultado provincial en Galicia despois de Ourense”, co 49,76%.

Ademais, a presidenta do PP provincial recalcou que o seu partido gañou en todas as comarcas e en 65 dos 67 concellos da provincia, a excepción de Negueira de Muñiz e de Pedrafita de Cebreiro.

O PP de Lugo consegue así manter o número de escanos, deputados e senadores e convértese na quinta provincia con máis apoio ao PP só superada por Ávila (51,59%), Ourense (49,63%), Salamanca (48.63%) e Zamora (48,31%).

Finalmente, Candia significou que os resultados na provincia de Lugo superan en case seis puntos á media autonómica e en catorce puntos á media estatal e que crece por riba de ambos resultados, e indicou que medramos en todas as comarcas e en todas as grandes vilas, ata o punto de obter o mellor resultado no Concello de Lugo de todas as grandes cidades de Galicia (40,74%).

Crece a diferenza con respecto á oposición
O resto de forzas políticas da oposición perden apoios, non así o PP. De feito, o PSdeG en Lugo baixa un 0,22% e 3.371 votos, En Marea, baixa 2,3 puntos e 7.751 papeletas, Cidadáns perde o 0,67% puntos e 2.221 votos e o BNG baixa 0,97% e perde 2.287 votos.

Candia tamén explicou que medra a vantaxe sobre os adversarios do PP: co 47,46% dos votos, temos 23,7 puntos máis que o PSOE, 30,52 puntos que En Marea e 40,54 puntos máis que Cidadáns.

Nada pasa por casualidade
En canto ós bos resultados recollidos o domingo, a presidenta do PP de Lugo dixo que “nada pasa por casualidade” e que son froito “dun arduo traballo, realizado por un equipo que traballa en sintonía, sendo consciente da responsabilidade que supón gobernar, e que unha vez máis deu o mellor de seu para poder seguir fortalecendo a Lugo e tamén a España”.

Ademais, Candia asegurou que “o apoio que nos amosaron os cidadáns da provincia de Lugo nas urnas, só fai que teñamos máis ganas de consolidar os avances conseguidos durante estes anos de goberno e de traballar en novos proxectos”.

Ata tal punto é así que o PP de Lugo non só mellora os seus resultados con respecto ás xerais de decembro, senón tamén con respecto ás municipais, pois ve incrementada a súa porcentaxe de voto en +10 puntos e en 8.267 sufraxios.

A favor da gobernabilidade do país
Candia está segura de que “a forza gañadora en 15 comunidades con 52 escanos máis ca seguinte formación ten que gobernar en España”.

“O mapa político de Lugo, o mapa de Galicia e o mapa de España son de cor azul, os cidadáns falaron nas urnas e o fixeron para que goberne o Partido Popular”.

Exit mobile version