Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea abre Campaña en Lugo da man de Miguel Anxo Fernán Vello

Lugo, 9 de xuño de 2016.- A apertura de campaña de En Marea en Lugo celebrouse co acto simbólico da pegada de cartaces. O lugar foi a Praza da Constitución. Neste acto reuníronse os membros das candidaturas ao Congreso e ao Senado, coma Jose Manuel Perez Afonso (nº 3 ao Congreso), que indicou que “comezamos esta campaña electoral coa mesma ilusión de sempre. Coa ilusión certa de que desta o cambio é imparable. Melloraremos os resultados, e faremos políticas para a xente, ese 99% que representan a inmensa mayoría social” ou Vanessa Somoza (nº 2 ao Congreso): “temos que recuperar, entre todas, o futuro para todas as persoas afectadas e excluídas polo retroceso social ao que nos levaron as políticas do Partido Popular. Para os traballadores, autómonos e xente que se ergue cada mañá a traballar honradamente”. No acto atopábanse presentes tamén candidatos ao Senado coma Modesto Renda, concelleiro de Vilalba Aberta, ou Luis Daporta.

Miguel Anxo Fernán Vello (nº1 e exdeputado) sentenciou que: “o noso compromiso inquebrantábel é coa defensa da xente do común nos seus intereses materiais, culturais, sociais… coa maioría social agredida polas vellas políticas de austeridade, recorte e privatización do público. Nesta campaña implicarémonos aínda máis se cabe, porta a porta, e explicaremos que a única alternativa ao PP é un goberno de Unidos Podemos, En Comú Podem e En Marea. Estamos certos de mellorar en Lugo os resultados, como indican todos os inquéritos. O pobo recoñece o esforzo destes anos e meses de traballo político a prol da unidade popular. O resultado será, simplemente, histórico. E abrirá un tempo novo”.

Participou do acto tamén Antón Sánchez (Coordinador de Anova e deputado de AGE), que acompañou á candidatura lucense e referiuse a ela coma “un exemplo de que, desde a xenerosidade e a fraternidade, poden construírse candidaturas de amplo espectro entre diferentes que lle disputen a hexemonía social e electoral á dereita que nos está esmagando. O 26X levarán unha sorpresa, e o resultado será produto de tantos anos de desprezo ás xentes do común. Isto representará no noso país un paso máis na caída do Goberno de Feijóo, ese que imputan os xuíces por desatender aos enfermos de Hepatite C ou por carrexar votos dos nosos maiores con demencia. Será unha lección democrática”

Con estas intervencións da comezo así unha nova campaña electoral.

Exit mobile version