Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea presentou a súa candidatura ás Cortes por Lugo

Lugo, 8 de Xuño- A candidatura pola circunscrición de Lugo de En Marea ás Cortes españolas, de cara ás Eleccións Xerais do 26 de xuño, foi presentada este mércores. No acto interviñeron os principais representantes das listas ao Congreso e ao Senado desta forza “plural e diversa, que representa o diálogo e a vontade de defender ao 99% dos cidadáns fronte a ese 1% que destrúe o público”, en palabras José Manuel Pérez Afonso, nº3 ao Congreso, un dos presentadores do acto. Acto no que participou o concelleiro de Vilalba Aberta Modesto Renda, candidato ao Senado.

Interviu tamén Vanessa Somoza Domínguez, nº2 ao Congreso, indicando que “vivimos, por exemplo, nun municipio con máis de 17.000 persoas en risco de exclusión social mentras o bipartidismo xoga a botarse a culpa entre eles. Esto non é un xogo. Temos que recuperar o futuro para todas esas persoas, e temos a mesma ilusión que hai 5 anos cando ocupamos as prazas”.

Miguel Anxo Fernán Vello, nº1 ao Congreso e deputado na lexislatura falida, insistiu en que “traballaremos a brazo partido en clave de unidade popular, como xa demostramos, polos intereses da maioría social agredida a través desta marea que voltará a acadar un resultado histórico”. Así mesmo abundou en que “o noso compromiso inquebrantábel é coa defensa da xente do común nos seus intereses materiais, culturais, sociais… coa maioría social agredida polas vellas políticas de recorte e privatización do público”.

Lembrou que “Lugo ten moitos problemas demográficos, de avellentamento, de emigración especialmente xuvenil, tamén dun certo atraso por exemplo en infraestruturas. Pero tamén dispón de moitísimas potencialidades como xa sabían os que fundaron Lucus Augusti”. Insistiu na idea de que o conxunto da provincia “ten unhas altas taxas de probeza e mesmo un alto índice de suicidios, moitos deles provocados por unha situación social límite que debemos reverter xa”. Para Miguel Anxo Fernán Vello “esta realidade alarmante é produto das vellas políticas de austeridade, que hai que superar. Apostemos polo cambio dunha vez. Para iso unidos podemos conseguilo: Hai Marea!”

Exit mobile version