Ribadeo, 14 de marzo de 2016.- Nos anos setenta, cando se comezou a comercializar o glifosato, difundiuse a mensaxe de que era “inocuo” porque se desactivaba en contacto coa terra. A súa eficacia e a crenza de que desaparecía maxicamente tras matar as plantas deu lugar a unha extensión do seu uso até o punto que hoxendía ata o 90 % de poboacións que nunca tiveron contacto directo co producto teñen niveles elevados de glifosato na orina.
Esta extensión resulta unha ameaza para a saúde, xa que recentemente a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro incluíu o glifosato no grupo de substancias “probablemente canceríxenas para os seres humanos”.
A IARC clasifica as substancias con dous criterios: a evidencia de provocar cancro en humanos e a evidencia de facelo en animais en laboratorio. Incluílo no grupo 2A significa que se ben non está aínda probado que o glifosato cause cancro en humanos, si o está que causa cancro en animais de laboratorio. O DDT, por exemplo, está no grupo 2B, o que significa que o seu risco para a saúde está menos probado cientificamente ca o do glifosato.
A licencia para a venda de herbicidas con glifosato na UE expirou a finais do ano 2012 e a súa renovación está no aire. A pasada semana o Comité de Plantas, Animais e Pensos do Parlamento Europeo debateu a posibilidade de prorrogar temporalmente -sería a terceira vez- a licencia do glifosato, decidindo non facelo, xa que boa parte dos gobernos europeos consideran que hai evidencia abonda para a retirada deste herbicida -non é o caso do español, que votou a favor da prórroga-. O vindeiro día 20 o tema será revisado por un Comité de Apelación.
Ante esta situación, Marea Ribadeo súmase á iniciativa lanzada por un grande número de organizacións sociais e ambientais europeas para amosar o rexeitamento ó uso do glifosato, presentando unha moción no Concello na que solicita:
1- Que se deixe de empregar glifosato polos servizos de obras e medio ambiente dos nosos Concellos.
2- Que se solicite ás administracións con competencias na conservación da rede viaria que pasa polo noso municipio que tampouco empregue glifosato no control da vexetación das marxes.
3- Que se difunda entre os veciños a perigosidade de este composto, moi persistente, soluble en auga e perigoso para a saúde dos animais acuáticos, o gando e os seres humanos.