Site icon Crónica3.com A Mariña

Leiceaga asegura que “España necesita un Goberno estable e reformista para darlle un impulso á Unión Europea”

Viveiro, 24 de xuño de 2016. O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou este venres que “é máis necesario que nunca un goberno estable e reformista, que teña entre as súas prioridades cambiar as cousas que non funcionan ben”.

Asegurou que estamos nun tempo de incerteza dominado polo referéndum sobre a saída do Reino Unido da Unión Europea. Advertiu que esta situación ilustra os problemas que causa “a falla de vontade de reformista e a parálise conservadora da UE que alenta este tipo de comportamentos”.

Leiceaga afirmou que “en España necesitamos un goberno reformista que sexa capaz de darlle un impulso novo a UE para convivir dese gran proxecto común que é Europa. Unha opción que sexa respectuosa cos valores da UE, e que evite todo tipo de tentación populista, xa que é unha aventura custosa para os nosos cidadáns”. E proseguiu “o PSOE é unha opción de cambio estable é a mellor solución nestes momentos para os españois”.

O candidato socialista, visitou esta mañá a cidade de Viveiro, acompañado dos cabezas de lista ao Congreso e ao Senado, Margarita Pérez Herráiz e Ricardo Varela. Sobre a postura de Podemos neste asunto dixo que “ofrece unha aventura pouco definida, e con intereses moi custosos para os nosos cidadáns”. E resumiu o proxecto do PSOE “é o que mellor garantiza un futuro de prosperidade e de cambio en España”.

Lácteo, Pesca e Alcoa
Pola súa banda, a candidata ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz, remarcou que a Comarca da Mariña e toda a provincia de Lugo, precisan un cambio de Goberno. Aludiu aos graves problemas do sector primario, como o lácteo que esta vivindo a provincia “e mentres Feijoo e o PP miran cara outro lado”.

Sobre a pesca denunciou que o PP “non quixo, nin soubo aproveitar todas as posibilidades da Política Pesqueira Común, e as poucas cotas que quedan repárteas de xeito prexudicial para Galicia”.

Aludiu á delicada situación da fabrica Alcoa en San Cibrao da que dependen mais de 1.300 postos de traballo, “os gobernos do PP non se están implicando neste problema”. Advertiu tamén que “non ter unha tarifa enerxética definida fai que esta empresa perda competitividade, por iso insistiremos no Congreso sobre este asunto”.

Exit mobile version