Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra: “A decisión do Reino Unido amosa a pouca credibilidade dunha UE construída contra os pobos”

Bruxelas, 24 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), valorou este venres os resultados do referendo celebrado no Reino Unido, no que un 51,9% da poboación votou a favor de abandonar a Unión Europea (UE), apostando polo Brexit (Britain Exit), e un 48,1% decantouse pola permanencia do Reino Unido como Estado membro na UE. Senra considera que “o feito de que no referendo gañara a posición de saír da UE, fronte á posición oficial do Primeiro Ministro e tamén das grandes empresas e da city, incluso a pesares das prevendas da UE acadadas polo goberno para defender a posición da permanencia, amosan a pouca credibilidade dunha UE que se construíu en contra dos pobos, a favor das multinacionais, e cuxas decisións responden única e exclusivamente á ditadura dos mercados e duns líderes á fronte da Comisión Europea (CE) e do Consello que non son capaces de resolver ningunha das graves crises (migratoria, social, ambiental, climática) que asolan hoxe a realidade deste espazo de (Des)Integración Europea.

“Aínda que é certo que nesta situación, ante a falta de valentía e decisión da esquerda europeista de romper coa dictadura dos mercados e os intereses especulativos do capitalismo financieiro, en moitos Estados, tamén no Reino Unido neste malestar está pescando e a dereita populista e xenófoba, non é menos certo que nesta votación tamén se reflicte o malestar das clases populares e dunha parte importante da esquerda que loita contra a crise e as políticas de austeridade impostas polo poder económico que está por detrás das decisións da Unión Europea que conlevan a perda de dereitos sociais, económicos e de libertades e mesmo de democracia e soberanía dos pobos. As imposicións da Troika a Grecia ou a dictadura do Euro, son un bo exemplo do secuestro da Soberanía Popular”, afirma a eurodeputada galega.

Neste sentido, Lídia Senra advertiu que tamén “é preocupante” a “falta de debate sobre todas estas cuestións na campaña electoral dos comicios do Estado español que hoxe chega ao seu fin”.

Por outro lado, a representante de AGEe no Parlamento Europeo afimrou que “chama a atención neste referendo a posición de Escocia ou de Irlanda no Norte a favor da permanencia, que con toda certeza tamén pode ser interpretado como unha forma de expresión e loita pola súa soberanía nacional fronte ao estado-nación hexemonizado por Inglaterra”. “O feito de que as nacións sen Estado teñan que afirmar a súa soberanía entregándose a unha supraestrutura antidemocrática forma parte das contradicións do momento pero tamén esta circunstancia está a falarnos dunha vontade por parte dos pobos de seren suxeitos soberanos”, di.

“Sen dúbida, o escenario que se abre co resultado deste referemdo dará pé a unha reconfiguración do espazo que hoxe constitue a Unión Europea. Dende a esquerda debemos dar a batalla para avanzar nesa Europa dos pobos, democratica, social, solidaria, pacifista, antiimperialista, construída en pe de igualdade. Para iso, cómpre non eludir máis os debates arredor da cuestión da Unión Europea e o euro e a súa compatibilidade coa democracia e a soberanía popular. Propiciar este debate público deber ser a nosa tarefa no futuro inmediato”, defendeu.

Lídia Senra destactou tamén a valentía por parte do Reino Unido de convocar un referendo para que o pobo poidera expresarse sobre un asunto de tanta importancia, “en contraste co medo do Goberno do Estado español, que se manifesta, por exemplo, na negativa ao referendo en Cataluña”.

O presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para anunciar a convocatoria dun pleno extraordinario do Parlamento Europeo para o próximo martes, 28 de xuño, para abordar en conxunto o escenario que se abre tras os resultados do referendo británico. Durante a sesión extraordinaria da próxima semana, que coincidirá co cumio de xefes de Estado e de Goberno da UE en Bruxelas, o Parlamento Europeo adoptará unha resolución analizando o resultado das votacións no Reino Unido e describindo os pasos que darán a partir de agora as institucións europeas.

Exit mobile version