Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.300 persoas conforman o operativo de loita contra incendios forestais este ano na provincia

280616 Comité antiincendiosA delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presidía este martes a reunión da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2016 que estará operativa dende o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno; responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil, e membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, entre outros, era coordinar as actuacións que se levarán a cabo para previr os lumes e loitar contra a actividade incendiaria, así como asignar as zonas de actuación dos diferentes corpos de seguridade do Estado.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, do Pladiga 2016. Así, na provincia de Lugo conformarán este operativo 1.337 persoas. Haberá cinco brigadas helitransportadas e 104 brigadas de terra, 72 delas municipais. Contarase tamén con catro reténs de maquinaria pesada para extinción directa e control de sinistros. Uns efectivos aos que hai que sumar a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, así como os membros dos equipos de investigación e os equipos de bombeiros comarcais, entre outros.

Raquel Arias fixo especial fincapé na importancia da coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se desenvolvan, tanto no eido da prevención como de extinción dos lumes, en aras de lograr “unha maior eficacia”.

En todo caso o obxectivo, segundo salientou, debe concentrase en conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos incendios forestais. Neste contexto Arias apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento. “Loitar contra os incendios é cousa de todos e todos debemos asumir a parte de responsabilidade que nos corresponde para impedir que os nosos montes acaben convertidos en cinza”, enfatizou.

O Pladiga 2016 mantén nos seus aspectos esenciais o dispositivo de loita contra o lume en relación con anos anteriores. O seu principal obxectivo é reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa comunidade, dentro dos recursos dispoñibles. Ademais, incorpora unha serie de obxectivos específicos orientados a diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a superficie afectada, tanto arborizada como rasa.

As principais novidades do plan para este verán teñen que ver coa ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa contra os incendios.

O Pladiga 2016 tamén aposta por poñer en marcha o proceso de análise da relación entre usos do territorio e lumes forestais nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) para a definición e concreción das medidas a implantar. En total, para este ano 2016 son 67 as parroquias deste tipo de toda Galicia recollidas na planificación, das que dúas son da provincia de Lugo. Trátase de Santa María de Bóveda, en Lugo, e de Muñís, en Navia de Suarna, que se inclúe este ano nesta catalogación.

Exit mobile version