Tamén se chamará a atención ás administracións, nomeadamente á autonómica e aos concellos, para que promovan unha planificación territorial e forestal na que o patrimonio arqueolóxico de Galicia se poida conservar a salvo para preservar o seu valor histórico, científico e cultural.
A actividade terá lugar este sábado de Arde Lucus, ás 13.00h no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. Mariñapatrimonio, Cultura do País e ADEGA convidan ás veciñas e aos veciños de Lugo a participar neste acto reivindicativo converténdose por un intre en axentes da industria do eucalipto que, como bos destrutores do patrimonio, plantarán esta especie na Muralla ao berro de “ningún xacemento galego sen eucaliptos”. Por suposto, esta plantación non contará co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, como tampouco o fan a meirande parte das que se están a desenvolver no país sobre mámoas, castros, xacementos paleolíticos, medievais, etc.
Tras este acto simbólico, haberá un xantar de confraternidade no Lar de Cultura do País, e para rematar a xornada, realizaremos unha visita guiada a Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico. As persoas que desexen participar no xantar e/ou na visita guiada, deberán anotarse enculturadopais@gmail.com ou mr.patrimonio@gmail.com ou no tfn. 619 553 236 (Miguel).