Site icon Crónica3.com A Mariña

Nava Castro subliña o ‘incalculable’ valor turístico da primeira Romaxe Viquinga do Vicedo como oferta diferencial da Mariña lucense

vikingosvicedo_JML9061O Vicedo, 10 de xuño de 2016.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou o “incalculable” valor turístico que terá a primeira Romaxe Viquinga do Vicedo no conxunto da Mariña lucense xa que constitúe unha oferta diferencial para este destino. Nava Castro fixo este venres estas declaracións durante a presentación do evento, xunto co alcalde do municipio, Jesús Novo, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entre outras autoridades.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que O Vicedo é o único lugar de España que conta con restos dun asentamento viquingo, o que supón un reclamo turístico diferencial que se debe promover e conservar.

Ademais, afirmou que as pegadas da presenza normanda son un atractivo turístico de primeira orde para a Comunidade como queda patente co éxito de festexos similares como a conmemoración ao milagre de San Gonzalo e o afundimento da flota nórdica en Foz ou, fóra da comarca, a Romaría Viquinga de Catoira, declarada de Interese Turístico Internacional.

Impacto positivo no turismo local
Neste sentido, a directora afirmou que a romaxe presentada hoxe terá un impacto positivo no turismo local e continuará consolidando a tendencia positiva que xa se vén rexistrando na rexión.

Neste sentido, Nava Castro explicou que en 2015 a Mariña lucense contabilizou 150.216 viaxeiros aloxados que efectuaron 259.686 pernoitas hoteleiras, o que supón un incremento de máis do 11% con respecto ao ano anterior.

Así mesmo, afirmou que no primeiro cuadrimestre de 2016 os datos aínda son máis favorables ao aumentar un 3,9% os viaxeiros aloxados e un 6,1% as pernoitas en relación ao mesmo período de 2015.

Exit mobile version