O rexedor animou “a toda a xente do pobo de Burela a que participe e goce das festas que xa comezan hoxe cos días máis propios que son o venres, o sábado, o domingo e o luns”.
O alcalde burelés explicou que “imos entrar no epicentro das festas patronais de Burela do ano 2016 e quero animar a todos os veciños a participar activamente nestas festas, que conviden a moita xente, a familia, amigos, compañeiros de fatigas que nos veñan visitar. Imos portarnos ben con eles, que leven un bo recordo e que se lembren todo o ano de nós”.
Alfredo Llano subliñou que “imos participar e deixar participar e comportarnos e deixar comportarse a todo o mundo que se achegue ata aquí. Eu invito a todos os veciños a que sexan uns bos receptores do pobo, que gocen e estean orgullosos, que se sintan moi ben aquí no noso pobo e que realmente gocen de todo aquilo que se lles ofrece que non é pouco”.
Finalmente o alcalde burelés insistiu en “animar tamén á xente que estea próxima a nós tanto de Asturias como de Lugo e de Galicia enteira, que queiran achegarse porque imos ter boa festa. Temos contratado incluso o bo tempo por tanto hai garantía de que ata o luns ou o martes non vaia chover. Así que non hai desculpa, que todo o mundo se achegue e todo o mundo goce destas festas que son de Burela, pero son realmente para todos os que queiran achegarse ata aquí”.