Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP de “utilizar a xustiza para tentar enlamar a vida política”

A Mariña, 13 de xuño de 2016. O Bloque Nacionalista Galego califica de desvergoña a actuación do Partido Popular, con César Aja á cabeza, no xuízo celebrado nestes días en Lugo. Nesa vista, que se celebraba a raíz dunha denuncia do propio César Aja contra o bipartito que o desaloxou do goberno de Viveiro, a acusación particular pretendeu calificar os feitos como se dunha trama de corrupción se tratase.

Á vista das actuacións, desde o BNG cada vez teñen máis claro que “a impotencia e a rabia deste señor de verse fóra do poder local levouno a utilizar a xustiza como unha vía de escape coa que tentan enlamar a actuación política e espallar a idea do todos son iguais”, afirman desde as filas nacionalistas.

“É absolutamente insultante que un representante do Partido Popular intente falar de corrupción sen mirar para as súas filas. Sen mirar para un partido que ten que satisfacer fianzas por xuízos sobre caixas en b ou que tivo como referentes a persoas como Rodrigo Rato, imputado por delitos fiscais, blanqueo de capitais e corrupción entre particulares. Un Rodrigo Rato, por certo, convidado a comer mariscadas en Viveiro polo propio César Aja con cargo aos fondos municipais”, relata a responsábel comarcal, Ana Ermida.

“Dende logo, que se atrevan a falar de tramas urbanísticas desde un partido como o PP, responsable das maiores desfeitas nese ámbito no noso País como Sanxenxo ou Barreiros, amosa que non teñen memoria nen vergoña”, afirman.

Desde o BNG reiteran a súa confianza na actuación do seu compañeiro Francisco Luís Rodríguez Guerreiro nos seus anos no goberno municipal, ao igual que durante todo o tempo que formou parte da corporación viveirense e agardan que o fallo xudicial sexa acorde cos feitos demostrados e deixe zanxado este tema dez anos despois de terse iniciado.

Exit mobile version