Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afastase do pacto PP-PSOE na Deputación de Lugo por que “non imos gobernar baixo a chantaxe”

IMG_8051Lugo, 24 de xuño de 2016.- Tras coñecer a existencia dun pacto entre o PP e o PSOE para presentar no pleno unha proposta de orzamentos para a Deputación de Lugo, e despois de manter os contactos necesarios para tratar de reconducir a situación, os deputados nacionalistas compareceron ante os medios de comunicación para clarificar a posición do BNG ao respecto. Tanto o vicepresidente Antonio Veiga, como o voceiro do BNG, Xosé Ferreiro manifestaron a súa predisposición a manter abertas liñas de dialogo co PSOE e PP ata o mesmo inicio do pleno do vindeiro luns mais sinalaron que “hai determinadas cuestións que se tratan de impoñer que non imos aceptar”.

O pasado martes o BNG foi convocado a unha xunta de portavoces para tentar chegar a un consenso nunha proposta de orzamentos para este ano. Nesa xuntanza estiveron presentes o propio presidente da Deputación, a voceira Elena Candía polo PP, Álvaro Santos polo PSOE e Xosé Ferreiro como voceiro do BNG. Presentouse, nesa xuntanza de voceiros, para negociar un documento base que, parece ser, estaba acordado entre o presidente da Deputación e a voceira do PP. Xosé Ferreiro afirmou que “descoñeciamos a existencia de este documento” e explicou que “para o BNG este documento era totalmente inaceptable, tanto polos termos do mesmo como polo seu contido”.

Aínda que se produciron avances e cambios no documento “co ánimo de chegar a un consenso” Ferreiro sinalou que “cheogou un punto de bloqueo, dado que eran incompatibles as condicións impostas polo PP coas propostas do BNG e esto provocou a suspensión do pleno previsto para o xoves que se trasladou ao luns 27 de xuño”. Tratábase de chegar a un acordo entre os tres grupos para que os orzamentos fosen aprobados polos tres grupos.

O vicepresidente Antonio Veiga sinalou que “grazas ás propostas do BNG producíronse melloras no documento pactado entre o presidente da Deputación e a voceira do PP, por exemplo que as grandes partidas de axudas de reparto obxectivo non puidesen ser bloquedas pola oposición nos anos que abrangue este mandato”. Veiga afirmou que “non podemos aceptar gobernar con chantaxes do PP” por que “o reparto de recursos da Deputación non se pode basear en reparto de prevendas para concellos concretos” e engadiu “esto é o quere facer o PP, antes dende o goberno, e a agora dende a oposición”. “O BNG goberna con proxectos para as persoas que viven nesta provincia e non con imposicións unipersoais como se pretende no documento que se nos presentaba inicialmente” afirmou Veiga.

Para o BNG “é básico que haxa un regulamento que permita unha convivencia na vida política da institución, non pode ser que o regulamento sexa imposta pola metade, máis un, dos deputados sen o consenso dos outros dous grupos”. “Entendemos que non serve de nada aprobar uns orzamentos se, dende a oposición, se segue a bloquear día si e día tamén a posibilidade de traballar para toda a provincia” dixo Antonio Veiga que apuntou “que chegamos ao día de hoxe cun documento mellorado pero aínda ten que avanzarse máis para que o BNG poida aceptalo”.

Xosé Ferreiro indicou que “en ningún momento o BNG fixo pretendeu introducir nos orzamentos condicionantes para beneficiar a concellos ou persoas concretas” e engadiu “fixemos demandas concretas que beneficiaran ao conxunto da provincia e das persoas que nela viven”. “Hai liñas que non se poden traspasar” dixo Xosé Ferreiro en referencia ás imposicións que pretende a oposición sobre o regulamento do pleno. “A oposición pretende uns orzamentos que van crear desequilibrios profundos por se favorece economicamente a determinados concellos con cuantías moi importantes” dixo Ferreiro.

“Non pode ser que cuestións relativas ao funcionamento da institución que se aprobaron por consenso dos tres grupos ao comenzo do mandato poidan ser agora modificadas a capricho da oposición para beneficiar a determinados concellos ou persoas” dixo Xosé Ferreiro e advertiu que “non estamos dispostos a estar nun goberno que funcione baixo o ditado da oposición”.

Antonio Veiga concretou que “o BNG votará en contra do documento de orzamentos se non se atenden as cuestións relativas ao funcionamento da institución e de reparto igualitario de recursos entre as veciñas e veciños da provincia” e manifestou, unha vez máis “a nosa disposición a seguir traballando e chegar a acordos que leven a conquerir un documento que permita a súa aprobación por acordo unánime”. En caso de que o BNG se vexa obrigado a votar contra o documento no pleno do luns, será a Executiva Nacional do BNG que tome as decisións correspondentes na xuntanza que manterá na tarde do luns.

Exit mobile version