Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defende a inocencia de Francisco Luís Rodríguez Guerreiro e trasládalle o seu apoio para a vista do vindeiro martes

A Mariña, 4 de xuño de 2016. O Bloque Nacionalista Galego traslada o total apoio á persoa de Francisco Luís Rodríguez Guerreiro nunha causa que vén de hai dez anos, cando o nacionalista formaba parte da xunta de goberno local de Viveiro.

A vista do xuízo oral que terá lugar o vindeiro martes culmina un procedemento que foi iniciado polo naquel entón concelleiro en Viveiro César Aja, hoxe colocado na embaixada búlgara polo Partido Popular.

No caso, no que se xulga a concesión de licenzas urbanísticas por silenzo administrativo, atópase imputado o nacionalista Rodríguez Guerreiro que formaba parte da xunta de goberno e que participou nas decisións da mesma sempre atendendo aos informes técnicos e xurídicos cos que contaban.

“Chama a atención que se esteña xulgando con tanto rigor este suposto no que non existe ningún informe en contra e haxa outros casos ben máis chamativos, incluso nesta mesma comarca, que non corren a mesma sorte”, sinala a responsábel comarcal, Ana Ermida. “Igual que chama a atención que se xulgue a este compañeiro nun caso no que outras persoas da mesma xunta de goberno foron desimputadas e que se manteña a imputación neste caso”, continúa.

Desde o BNG, tanto comarcal coma local, amosan a súa indignación polo tratamento xudicial dunha demanda interposta no seu día con unha clara intencionalidade de desgastar ao por aquel entón goberno municipal. “Unha denuncia feita por César Aja, portavoz municipal do PP en Viveiro entón e recolocado despois polo PPdG como embaixador de cultura en Bulgaria, tras ter declarado no Tribunal Supremo por un presunto caso de prevaricación por pagar mariscadas coa visa do Concello viveirense, é dicir, por utilizar cartos públicos para dar xantares suntuosos, entre outros, a Rodrigo Rato”, explican desde a formación frontista.

“Está claro que estamos ante un caso claro de utilización da xustiza para enlamar a vida municipal e desacreditar a un goberno por parte de quen carece dos mínimos escrúpulos democráticos”, afirman.

“Desde logo, no BNG sabemos que o compañeiro Rodríguez Guerreiro actuou atendendo ás indicacións dos informes existentes e con absoluto respecto cara a legalidade. Por iso amosamos o firme e total convencemento da súa inocencia e agardamos que a xustiza, aínda que con unha lentitude indignante, coloque a cada quen no seu sitio e restitúa a honorabilidade das persoas que, coma Paco Luís, actuaron honradamente”, sinalou Ana Ermida.

Neste sentido, unha delegación do BNG acompañará a Rodríguez Guerreiro no día da vista no que teña que declarar para trasladarlle o seu apoio inequívoco.

Exit mobile version