Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva a debate no pleno deste mércores no Parlamento galego a preocupación pola actividade industrial e os postos de traballo en Alcoa

A Mariña, 28 de xuño de 2016.- O BNG trasladou ao pleno do parlamento unha Proposición Non de Lei que se debaterá no pleno deste mércores instando á Xunta de Galiza a “realizar todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo de Alcoa en Galiza”. A portavoz comarcal nacionalista Ana Ermida, acusou ao presidente Feijoo “de agochar a cabeza ante os problemas por eludir dar a cara mentres están en xogo centos de postos de traballo na Mariña e na Coruña sometidos á incerteza de non saber cal vai ser o seu futuro”.

A deputada Carme Adán, Cosme Pombo e Francisco Jorquera asinan unha iniciativa acordada coa representación do cadro de persoal de Alcoa que busca acabar coa incerteza sobre o emprego e a actividade industrial das factorías de Alcoa en Galiza e, como xa fixeron tamén os comités de empresa da Coruña e San Cibrao, reclamar a implicación do goberno galego na busca de solucións que garantan emprego e actividade industrial.

Ana Ermida, responsábel comarcal nacionalista, “censurou o silencio do goberno galego e nomeadamente do presidente Feijoo, que cala e sae con evasivas como si con el non fora o conto cando o que está en xogo son centos de familias e no caso da Mariña unha parte fundamental do seu futuro pola dependencia en termos económicos e de emprego da factoría alumineira”.

Ermida lembrou que xa no mes de abril a Portavoz nacional, Ana Pontón, reuniuse co comité de empresa en San Cibrao, cando saltou a noticia sobre a posíbel venda de activos de Alcoa, o BNG promoveu acordos institucionais en concellos e deputación de Lugo para garantir actividade industrial, emprego e apoio aos cadros de persoal de Alcoa e empresas auxiliares, o 1 de xuño reuníronse co comité de empresa en San Cibrao os deputados Cosme Pombo e Carme Adán, data na que se decidiu esta iniciativa que agora vai a debate no Parlamento Galego.

Exit mobile version