As mariñás, que viaxaban moi concienciadas de facer os deberes cultivando os tres puntos no desenlace ligueiro, tiveron que armarse de paciencia. O Gonzalo de Berceo presenciou un guión xa escrito. As laranxas, hoxe de amarelo, asumiron a batuta do atopo pero o desacerto nos últimos metros tamén lles provocou momentos de certo nerviosismo que tentou aproveitar o conxunto local sen éxito. Tras as interminables ocasións de Peque -á escuadra-, Claudia -en recuperación-, Gaby -de lonxe-, Maite -dentro da área rioxana-, Bea -de costas fronte a Silvia-, a 14 burelista protagonizou unha das máis perigosas das galegas cun disparo que freou a gardameta local e que quedou morto fronte á rede sen atopar rematadora, antes do descanso. Jozi salvou sobre a bucina, desde o chan, un balón con moito perigo de Lucía.
Surtía efecto o tempo do descanso; Lucas pediulles serenidade ás burelistas, a paciencia e a constancia traerían o gol laranxa. Así, as mariñás regresaron co mesmo perigo ao terreo de xogo, sen tregua, pero máis incisivas. Maite fixo ver máis preto o soño polo que tanto traballaran e polo que tantas adversidades superaron ao longo da tempada; a capitá abriu a lata aproveitando a saída da meta rioxana ante Peque, na banda contraria. Con 0-1, a escuadra galega reafirmouse en posesión e dominio, con máis tranquilidade. Antes de cumprirse a mediados do segundo acto, unha loita na que se aliaron Maite e Dany, ao bordo da liña de meta, frutificou no 0-2. Pouco despois a punto estivo de subir o terceiro, de Peque, en vaselina, pero foise moi alto. As locais continuaron na súa dinámica, moi serias en defensa, cunha gran contribución de Silvia baixo os paus. No 35, primeiro Jozi e en última instancia Peque desbarataron unha das mellores oportunidades do Rioxa. Na recta final, o Pescados Rubén mantivo o tipo vendo cada vez máis preto o soño ata que estalou de xúbilo co asubío final.
GRAZAS POR FACER REALIDADE OS NOSOS SOÑOS!
A Copa de España de Alcorcón está xa ao virar a esquina. As campioas de liga, e da Supercopa de España, protagonizarán un novo espectáculo do mellor fútbol sala feminino a próxima semana, 11-12 de xuño, con Atlético de Madrid Navalcarnero, Cidade de Alcorcón e UA Alacante. Antes de volver ao traballo, tocan as celebracións; a expedición laranxa chegará este domingo a Burela, no día grande das patronais, sobre as 14.00 horas, con rumbo ao recinto das festas para compartir a alegría do título ligueiro con toda a afección.
Ficha técnica
FSF Rioxa: Silvia, Carmen, Rosa, Marta, Lucía, cinco inicial; tamén xogaron María, Patricia, Gloria, Paula
CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dany, Peque, Gaby, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Claudia
Goles: 0-1, minuto 22, Maite; 0-2, minuto 29, Dany
Árbitros: Alberto Abad Vicioso e Ernesto Cámara Peñaranda, do colexio rioxano. Sen amoestacións.
Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada da Primeira División RFEF disputado no pavillón Gonzalo de Berceo de Logroño.