Site icon Crónica3.com A Mariña

“O cambio somos nós”, proclama en Foz Leiceaga, que ve en Sánchez “o único presidente posible” para que Galicia “despegue”

27672668565_da92224b81_oFoz, 14 de xuño de 2016.- O candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, participou na noite deste martes nun mitin en Foz xunto coa presidenta da xestora do PSdeG e candidata ao Congreso Pilar Cancela e o número 1 ao Senado pola provincia de Lugo, Ricardo Varela. “O cambio somos nós, somos a única garantía e os cidadáns sábeno”, proclamou o socialista, quen afirmou que a xente que viu o debate deste luns ten claro este martes que “só houbo un presidente”, Pedro Sánchez, que é ademáis “o único presidente posible para que Galicia despegue”.

“Xa comprobamos a importancia que lle deu Rajoy a Galicia durante o seu mandato”, dixo Leiceaga, mentres Pablo Iglesias “ignora” Galicia, que para el só significa “un número de votos”. Pilar Cancela lembrou que o PP “meteu a man na caixa das pensións e non a vai sacar; para garantir as pensións hai que sacalos a eles do goberno”. En referencia a Foz, Cancela censurou “a falta de apoio ao turismo” e afirmou que “non pode ser que un país tan fermoso coma o noso sexa coñecido a estas alturas polos tópicos que non somos e non polas belezas que si temos”.

Pola súa banda, o candidato ao Senado, Ricardo Varela, cualificou a Feijóo de “caradura” logo de anunciar que vai facer máis competitivas as explotacións gandeiras de Galicia. Varela dixo que a xestión do PP sobre o rural galego “é nefasta”. “Primeiro afundiu ao gandeiros na miseria e agora en campaña electoral lémbrase deles”, criticou.

Varela comprometeuse ademais a que se o PSOE goberna España impulsará o corredor da Costa. “O PP coloca as máquinas cada vez que chega a campaña”, e denunciou que esta infraestructura leva paralizada moitos anos. O candidato ao Senado advertiu tamén de que “os que pediron o voto para o cambio utilizárono para impedilo. Os que pediron o voto para os socialistas de corazón, votaron en contra dun socialista de corazón”. Por iso emprazou aos votantes socialistas a que voten ao PSOE, e non a sucedáneos.

A voceira socialista de Foz e Candidata ao Congreso, María Ángeles Veiga, remarcou que “o PSOE é o único partido que pode cambiar as cousas neste país, o único que pode recuperar o Estado do Benestar que nós, os socialistas, fomos capaces de instaurar no país, e que a dereita se ocupou de desmantelar. Somos os mellores gobernando por e para a cidadanía, pensando, sempre, nas persoas. Demostrámolo. Ao igual que outros demostran día a día cales son as súas políticas, as dos recortes, as clientelares e caciquís. Un claro exemplo disto, o Goberno do PP en Foz”, apuntou.

Exit mobile version