Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo rehabilitará o casco histórico da localidade en virtude dun convenio asinado con Fomento

Mondoñedo 23 de xuño de 2016.- O Concello de Mondoñedo vén de firmar un convenio co Ministerio de Fomento para levar a cabo actuacións de rehabilitación en dúas zonas do conxunto histórico da localidade. A alcaldesa, Elena Candia, precisou que se “mellorarán os espazos urbanos da Rúa Lence Santar e acondicionarase a parcela para aparcamento da Travesía Casas Novas”. A rexedora asinou hoxe o documento co subsecretario de Fomento, Mario Garcés.

Candia amosouse moi satisfeita pola execución destas obras e precisou que a primeira intervención, na Rúa Lence Santar, “iniciarase despois do verán”, e consistirá en dotar varias rúas dunha pavimentación similar ao resto das que conforman o conxunto histórico da cidade”. En concreto, colocarase lousa de granito e cuarcita a modo de chapacuña.

Ademais, na Rúa Peña de Francia marcarase cun pavimento distinto a alineación orixinal da rúa, colocando nesta zona unha serie de arbolado. Así mesmo, Candia avanzou que “se executará na zona unha nova rede de recollida de pluviais, abastecemento de auga e deixaranse previstas as canalizacións de telefonía, electricidade media e baixa tensión, ademais do alumeado público”.

A segunda das actuacións, que segundo precisou a alcaldesa, “se atopa en fase de estudo”, consistirá na adecuación dun solar ocupado por unhas antigas construcións de uso almacén e rodeadas dun muro de pedra que actúa como contención das terras nas partes nas que existe desnivel coas parcelas ou rúas colindantes. Candia avanzou que con estas obras “preténdese aproveitar a existencia das naves como espazo de aparcamento de bicicletas ou motos, intercalando algunhas zonas axardinadas con arbolado”. Procederase tamén á instalación do alumeado urbano adecuado.

Exit mobile version