Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo eliminará as barreiras arquitectónicas nos aseos do hospital asilo

Ribadeo, 21 de xuño de 2016.- O Concello procederá estes días a executar obras de eliminación de barreiras arquitectónicas nos aseos do hospital asilo. Contan cun orzamento de 9.000 euros, integramente financiado con fondos municipais, segundo deu a coñecer este martes o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor manifestou que “aínda que o Concello de Ribadeo está traballado na consecución e no remate da residencia de maiores que estamos facendo na rúa Francisco Lanza desde hai un ano e pico, non quita de que desde o Concello teñamos que seguir custodiando, velando e traballando pola outra que temos, polo hospital asilo que rexe unha congregación relixiosa que o fai realmente ben, e no que ten que ver con ese edificio que ten unha chea de anos e necesita actualizacións continuas”.

Suárez Barcia contou que “nestes días imos proceder á adaptación dos servizos dos seus aseos para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Para darlles maior privacidade aos usuarios e tamén para que se adapten aos discapacitados”.

O alcalde ribadense subliñou que “algo que a día de hoxe e a pesar destes últimos anos que se fixeron obras, non estaban adaptados. Polo tanto estaban xa no seu final de vida útil, tiñan unha serie de inconvenientes, o chan estaba tamén moi mal e o que fixemos foi facer un proxecto para substituílo por materiais de similares características cos que se está construíndo a nova residencia”.

Fernando Suárez dixo que “o reto destas obras é compatibilizar o uso das instalacións polos seus usuarios e ao mesmo tempo facer eses traballos. Confiemos en que saia todo ben”.

O rexedor engadiu que “a obra está adxudicada a través dun procedemento aberto a Construccións López Tella e confiamos en que nos próximos días estes servizos novos, modernos e adaptados sexan unha realidade. Estas obras están financiadas integramente con recursos municipais, con fondos propios en cifra aproximadamente de 9.000 euros”.

Exit mobile version