Site icon Crónica3.com A Mariña

O concerto que a Coral Noves Veus de Capellades ofrecerá este sábado, 25 de xuño, en Ribadeo terá lugar no auditorio Hernán Naval e non no Cine Teatro como estaba previsto

Ribadeo, 23 de xuño de 2016.- O concerto que a Coral Noves Veus de Capellades ofrecerá este sábado, día 25, ás 20:45 horas terá lugar no Auditorio Hernán Naval. Inicialmente estaba previsto que se celebrase no Cine-Teatro, pero deberá estar acondicionado para a xornada electoral do domingo.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, explicou que “o concerto que a Coral Noves Veus de Capellades tiña previsto dar este sábado, 25 de xuño, ás nove menos cuarto no Cine-Teatro, ten que ser trasladado ao auditorio Hernán Naval. A razón non é outra que a celebración das eleccións o día 26”.

O edil nacionalista dixo que “como todos saben o Cine-Teatro sempre é colexio electoral e nesta ocasión ademais como xa hai tres mesas electorais nese local temos que colocalas xunto ao escenario. Sería unha situación un pouco complicada escoitar á Coral Noves Veus de Capellades coas furnas e máis coas cabinas para poder exercer o dereito libre e secreto ao voto, no medio”.

O responsable de Cultura pediu desculpas: “se ben xa hai dous meses e pico que sabemos que hai eleccións son tantas as cousas que nos ocupan que este pequeno detalle pasóusenos por alto. Estivemos moi pendentes cando había mitins para que non coincidira ningún acto, pero a xornada de reflexión que parecía en principio inocua, claro é inocua para o que é un mitin porque non hai, pero si que é certo que o local ten que quedar preparado do venres”.

Farruco Graña fixo fincapé: “insistimos en pedir desculpas desde a Concellería de Cultura e asumimos a nosa responsabilidade no que toca a este pequeno erro de descoordinación. Sobre todo queremos animar a todos, homes e mulleres amantes da música da Coral, a que se queren escoitar o concerto é unha boa ocasión, unha xornada de reflexión idónea para poder gozar da música e reflexionar con calma, vaian escoitar á Coral Noves Veus de Capellades este sábado, 25 de xuño, ás nove menos cuarto ao auditorio Hernán Naval”.

Exit mobile version