A mellora definida na estrada no treito comprendido entre o enlace de Lindín da autovía A-8 e A Cruz da Cancela pretende acadar unha maior seguridade e comodidade dos usuarios da vía. Deste xeito, facilitaranse os desprazamentos desde a autovía do Cantábrico cara aos municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
As obras levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 9+465 (enlace coa autovía) e 15+294 (glorieta existente na intersección coa LU-122, limítrofe co Concello de Riotorto). Realizaranse con criterios semellantes aos adoptados na mellora realizada en 2015 no tramo comprendido entre o núcleo de Mondoñedo e o enlace de Lindín desta vía, na cal a Xunta investiu máis de 700.000 euros.
Os traballos previstos nesta estrada inclúen a ampliación da calzada ata acadar unha sección de 6,5 metros e a mellora dos elementos de drenaxe, tanto dos lonxitudinais, executando gabias tendidas de seguridade, como dos transversais á infraestrutura que serán substituídos nalgúns casos para ampliar a súa capacidade. Ademais, disporase unha nova capa de rodadura en todo o tramo.