A súa posta en marcha implica a creación de tres postos de traballo. As promotoras, Alba, Nerea e Itzíar, agradecen a axuda do Concello para que esta iniciativa bote a andar. En concreto, o Goberno local cede instalacións municipais para este centro de ocio, atención e formación á infancia ao tempo que lles ofrece un aluguer social. Tamén lles prestou asesoramento e colaboración na adaptación das instalacións.
As actividades están destinadas a nenos e nenas de entre 2 e 12 anos e inclúen propostas de cara o verán, servizo de biblioteca, atención á infancia e apoio escolar, organización de cumpreanos e festas temáticas, entre outras. Tamén funcionará como gardería para os nenos e nenas maiores de 2 anos. O centro estará aberto durante todo o ano. Tamén están a estudar poder ofrecer o vindeiro curso o servizo de madrugadores.
O horario inicial será de 8 da mañá a 14:00 horas e de 16.00 horas a 21:00 horas. As promotoras explican que será adaptable en función da demanda dos pais e nais, o que permitirá favorecer a conciliación laboral e familiar.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, subliña a importancia de colaborar desde as administracións públicas con iniciativas que “non só xeran postos de traballo, o que consideramos importantísimo, senón que ademais ofrecen un servizo de suma importancia para unha cidade como Mondoñedo e que vai permitir avanzar na conciliación da vida familiar e laboral”. Valora, ademais das iniciativas que achegan as promotoras do proxecto, o bo estado no que quedaron as instalacións nas que prestarán os seus servizos.