Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular vixiará que a elaboración da ordenanza do Servizo de Teleasistencia conte co consenso de todos os axentes implicados

Lugo, 2 de xuño de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular vixiará que a nova ordenanza do Servizo de Teleasistencia no Fogar naza “froito do diálogo” e conte co “consenso de todos os axentes implicados” tras que a Deputación de Lugo se comprometese, a instancias do PP, a convocar unha mesa de traballo para a súa elaboración e na que tivesen participación os técnicos dos servizos sociais comunitarios dos concellos e os diferentes grupos da corporación.

Así, despois de falar co deputado delegado, o PP emendará o luns o borrador de Ordenanza presentado polo bipartito.

Os populares lembran que o Goberno provincial trouxo ao último pleno da institución un borrador de ordenanza que “ademais de chegar tarde, se deseñaba de costas á corporación provincial, aos concellos e aos técnicos dos servizos municipais. Un texto feito ás presas e sen planificación”. De feito, o bipartito fíxolle chegar ao Grupo Popular un documento o día antes da comisión e outro con modificacións o mesmo día da celebración de dita reunión. Ante esta situación, os populares conseguiron no transcurso da sesión plenaria que o Goberno provincial retirase esta proposta de borrador de regulamento e aceptase traballar en colaboración cos técnicos que “son os que mellor coñecen a realidade da provincia”.

Deste xeito, dende o Grupo Provincial do Partido Popular celebran “receptividade” amosada dende o Goberno provincial e agardan que “respecten a súa palabra e na maior brevidade posible contemos cunha ordenanza que naza do diálogo e do consenso” tal e como sempre demandaron os populares. Tal é esta situación que o Goberno de Candia, defensores da importancia da elaboración dunha nova ordenanza, xa que a actual data do ano 2006, “xa comezara a traballar nela invitando aos técnicos de servizos sociais de atención primaria para darlles participación e contar coa súa achega na elaboración da nova ordenanza”, lembran, e agora piden que “sigan nesa liña”.

Emendas do Grupo Provincial do Partido Popular
Co obxecto de contribuír á elaboración desta ordenanza, os populares teñen elaborado un texto de emendas ao borrador presentado polo bipartito, co que consideran que mellorarían o documento, e que farán chegar ao Goberno provincial o vindeiro luns.

A primeira das emendas dos populares fai referencia ao obxecto da ordenanza. A diferenza do borrador do bipartito, dende o Grupo Popular consideran que este documento ademais de regular a prestación do servizo de Teleasistencia no Fogar, tamén o debe facer coas modalidades complementarias (xeolocalizadores, detectores de fume…), ademais de indicar que o fin prioritario do servizo é o de previr situacións de risco e illamento e promover a autonomía e permanencia da persoa no seu entorno.

En relación aos servizos complementarios, dende o Grupo Provincial do Partido Popular consideran que esta posibilidade de futuro que contempla a ordenanza non está o suficientemente planificada, nin se determina cales son os seus criterios de concesión, nin a achega de financiamento nesta modalidade complementaria por parte da Deputación de Lugo.

Os populares tamén defenden que no artigo que regula as condicións que deben reunir os usuarios, o borrador de ordenanza recolle casos que “non se producen”, como por exemplo, o feito de que un dos requisitos de acceso sexa o de non ter aprobado o Programa Individual de Atención (PIA), cando a Xunta de Galicia deu resposta a todas as solicitudes de Teleasistencia que entraron por dependencia.

A maiores, dende o PP demandan que se consensúe con todos os concellos o baremo único da Deputación, así como o modelo de informe social para que sexa o máis sinxelo posible e facilite a valoración dos técnicos. Os populares piden contar coa opinión do Colexio de Traballadores Sociais de Galicia para valorar a posibilidade de que sexa o técnico social da Deputación o que poda realizar a solicitude e o informe social cando así se indique desde os servizos sociais comunitarios por cuestións de operatividade.

Exit mobile version