Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP confía en que o presidente da Deputación cumpra co acordo acadado, o que permitirá que o luns haxa Orzamentos

Lugo, 23 de xuño de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular confía en que o presidente da Deputación cumpra co acordo acadado, o que vai permitir que o luns haxa Orzamentos para o ano 2016.

Elena Candia trasladou unha mensaxe de esperanza, posto que o PP ten un acordo co presidente que garante que o documento de Orzamentos poderá ser apoiado, como mínimo, por 22 dos 25 deputados que conforman a Corporación. “Isto da unha maioría suficiente para que ese Orzamento se aprobe e nada fai indicar que teñamos que poñer en dúbida a palabra do presidente, polo que temos plena confianza no compromiso que adquiriu con este grupo de xeito indiscutible e acreditado”, precisou.

A voceira cre que o cambio na data do pleno responde a un intento do equipo de Goberno de buscar o maior número de apoios posible. “Se é para a busca do consenso e conseguir un acordo non temos nada que dicir”, apuntou.

“O noso Grupo sempre tivo interese en colaborar con ese compromiso de facer todo o posible porque a provincia teña uns Orzamentos. Ata a data nós non poñemos en dúbida o compromiso que o presidente adquiriu co nós e esperamos que o luns se desenvolva unha sesión plenaria dentro de toda a normalidade”. Avanzou ademais que o acordo beneficia á totalidade da provincia .

Pasos dados polo PP
A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, explicou esta mañá os pasos dados polo seu partido. Así, indicou que hai tres semanas o PP presentou por rexistro unha proposta de Orzamentos cando o presidente decidiu no último pleno deixalos sobre a mesa e retiralos despois de votar a favor algunhas das emendas propostas na sesión plenaria.

O pleno extraordinario que solicitou o PP convocouse de maneira automática para o vindeiro luns ás 12:00 horas. Aínda así o presidente acordou convocar para hoxe ás 12:30 un pleno no que na orde do día a parte dun plan económico financeiro ía a aprobación dos orzamentos, que finalmente retrasou ata o luns.

Unha mensaxe de tranquilidade
“Temos ademais o compromiso do presidente de que ese acordo alcanzado lle vale ao PSOE ou polo menos aos deputados que el representa. Unha vez máis digo que temos razóns fundadas e acreditadas para transmitirlle tranquilidade á provincia porque o luns ou o presidente ‘onde dixen digo di Diego’ ou a provincia ten orzamentos”, concluíu Candia.

Exit mobile version