A Deputación da Coruña abriu as súas portas a Imdecum e ao Memorial como promoción do deporte de base entre os mozos e mozas coruñesas, “contribuíndo a que a memoria destas persoas non caia no esquecemento”, segundo apuntou García Liñares, que suliñou “a lección de humanidade, profesionalidade e valentía” dos tres axentes, que “non dubidaron en cumprir co seu deber, arriscando a súa vida para axudar”.
“As familias agradecemos moito que esta iniciativa tan bonita leve o nome dos nosos, Javier, José Antonio e do meu Rodrigo”, afirmou Isabel Lozano, portavoz dos familiares dos homenaxeados, que agradeceu o apoio das institucións e colaboradores para que a iniciativa siga medrando e fomentando entre os máis pequenos “valores como o traballo en equipo, a igualdade e a diversión sa, que os nosos fillos coñecían ben”.
Pola súa banda, José Venancio López Hierro, considerou “un grande orgullo” ser nomeado padriño da cita e destacou a importancia que ten o deporte de base na formación da xuventude. “Os valores que transmite o deporte son tamén importantes dende o punto de vista social; o memorial sobresae ademais en igualdade social, coa participación de nenos e nenas na práctica deportiva”, afirmou o seleccionador, que destacou tamén a xenerosidade ou o traballo en equipo como pezas clave na aprendizaxe desta disciplina deportiva.
Dende Imdecum, Marcelino Luna incidiu tamén na relevancia de transmitir estes valores á xente nova. Lembrando os inicios do torneo, que comezou con 100 nenos en Burela, destacou o gran crecemento que experimentou ao longo destes cinco anos. “Nesta edición participarán sobre 800 nenos/as entre A Coruña e A Mariña. Somos un referente xa en Galicia en torneos estivais e queremos seguir medrando”, afirmou, agradecendo a axuda de institucións, empresas e resto de colaboradores que fan posible esta realidade. “Nunha época na que existe unha crise de valores entre a xuventude nós apostamos por transmitir a solidariedade e xenerosidade de Rodrigo, Javier e José Antonio a través do prezado legado que nos ceden as súas familias”.
A Deputación da Coruña e a Fundación Imdecum clausuraron o acto cun recoñecemento especial ao seleccionador nacional pola súa traxectoria e o recente título de Eurocopa 2016, no que tamén participou a FGFS, e coa entrega da escultura conmemorativa do Memorial, dúas persoas que se funden nun abrazo, ás tres familias dos homenaxeados.
Éxito de participación
O Memorial cumprirá un quinquenio con éxito de participación sen precedentes. Madrid, Castela e León e Asturias, ademais das catro provincias galegas, son algúns dos puntos de procedencia dos máis de 70 equipos, de 30 clubs/escolas diferentes, que se darán cita na Coruña e na Mariña arredor do Memorial.
Ampliación de sedes e categorías
Tras catro edicións como Torneo de fútbol sala “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”, en honor ao policía burelense que entregou a súa vida no tráxico suceso da praia do Orzán en 2012, este evento deportivo amplíase este ano coa colaboración da Deputación da Coruña e pasa a denominarse “Memorial Heroes do Orzán”. Con este cambio, quérese honrar tamén a memoria dos axentes Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez, compañeiros do anterior, que tamén faleceron esa noite.
A competición desenvolverase entre o 29 de xuño e o 3 de xullo. A Coruña, que se estrea como sede, acollerá os encontros das novas categorías, Sub-16 e Sub-19 feminino, nos pavillóns do Ventorillo e Novo Mesoiro enre o xoves 30 e o sábado 2. Na sede de A Mariña (Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro) distribuiranse as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ata o domingo 3
Voluntariado
Outra das novidades desta quinta edición é a posta en marcha de Voluntarios Memoria Heroes do Orzán, proxecto que nace co fin de abrir a participación cidadá a este evento deportivo, co fin de recoñecer os valores dos homenaxeados.
Calquera persoa que o desexe pode optar a ser voluntario; o único requisito é cubrir o formulario de inscrición (www.imdecum.com) e enviar a contacto@imdecum.com. O prazo estará aberto ata o domingo 26 de xuño.