Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que un concelleiro do PSOE emprega maquinaria do Concello do Valadouro para unha obra particular

O Valadouro, 6 de xuño de 2016.- O Partido Popular denuncia a utilización da maquinaria municipal para a execución de obras particulares nunha finca privada dun concelleiro socialista, Pedro Paz González.

Os populares din que durante as últimas fins de semana un membro do goberno local desprazou e fixo uso da formigoneira de propiedade municipal ata o domicilio do edil do PSOE empregando ademais o camión do Concello.

Ante esta situación, desde o PP van reclamar explicacións ao Alcalde e ao conxunto do Goberno bipartito local sobre un asunto que consideran “un escándalo bochornoso”.

“Non imos consentir que desde o PSOE se empregue material e diñeiro que son de todos os veciños en beneficio persoal dun concelleiro, maquinaria que debe ser empregada exclusivamente para as obras do municipio”
Desde o PP esixen ao Alcalde explique se coñecía e autorizou esta situación e que ordene de inmediato que sa faga unha avaliación a efectos de determinar o beneficio obtido polo concelleiro socialista e que este faga fronte ao custe correspondente, reintegrando os cartos.

Lembran os populares que o uso de material municipal para beneficio privado pode dar lugar a responsabilidades legais e incluso penais ademais das políticas que en todo caso deberán ser depuradas.

Escola infantil
O presidente do Partido Popular do Valadouro quixo tamén saír ao paso das escusas que este domingo daban desde o Goberno local para xustificar que teñen descoidada á Escola Infantil e non asumen as competencias no mantemento das instalacións.

Lamela pide ao Alcalde que non lle tome o pelo nin se pretenda rir dos veciños, pois é insostible asegurar que repoñer o solo do patio da escola infantil e cambiar a area do areiro de xogo, son claramente obras de conservación e mantemento básicas e, polo tanto, segundo o convenio vixente, de competencia municipal.

Desde o PP urxen, en consecuencia a que o alcalde deixe de marear a perdiz e botar balóns fóra e asuma ese arranxo en interese da seguridade dos nenos e nenas que fan uso da Escola e que ademais se corresponde cunha reivindicación dos propios país que incluso están recollendo sinaturas con este obxecto.

Exit mobile version