Martínez lembrou que nesta edición participaron un total de 51 establecementos, para os que tivo palabras de agradecemento. A concelleira de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo felicitou aos finalistas, aos gañadores do concurso gastronómico elixidos por un xurado profesional e tamén polos clientes e ao público premiado, que completou algunhas das rutas do Ribadeo de tapeo e que entraron no sorteo de agasallos desta edición.
Un xurado profesional decidiu que a tapa do AG Porcillán fose a gañadora neste 2016, o segundo posto foi para a de A Mirandilla e o terceiro para a de Casa Pepe-Piano. O premio da tapa de Ribadeo foi para La Solana. Pola súa banda o público elixiu como a mellor tapa a do hotel restaurante La Villa e como a mellor barra a do Bar Queimada. Todos acudiron na tarde deste xoves a recoller os seus galardóns, que foron un diploma e unha estatuíña conmemorativa.
Ao salón de plenos achegouse tamén o público premiado. Un total de 16 persoas recibiron na tarde deste xoves os seus agasallos. Ao final do acto todos posaron xuntos para a foto de grupo.