Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Ribadeo esixen unha aclaración sobre “os espazos a onde levar as mascotas”

O grupo socialista de Ribadeo pedímoslle á Sra. Concelleira Ermida Igrexas que lles aclare ós veciños de Ribadeo a onde poden levar ás súas mascotas para que estas tamén teñan o seu espazo de esparexemento, sendo que o recuncho “habilitado” baixo a Ponte dos Santos non é accesible a todos e a todas as ribadenses.

No Pleno do 29 de marzo deste mesmo ano modificouse o artigo 21 da Ordenanza Municipal Medioambiental, segundo palabras da devandita concelleira recollidas na acta de Sesión para “permitir que o concello faga espazos para o esparcemento de cans porque hoxe en día está prohibida a permanencia deles en praias e nas zonas de esparcemento xeral”

Tamén segundo as súas palabras, as persoas que forman o equipo de goberno de Ribadeo son tamén donos e donas de animais de compañía e polo tanto coñecedores de primeira man das súas necesidades, obrigas e, sobre todo, do respecto que lles merecen. Ata di que se poden nomear con orgullo e con firmeza como rotundos defensores dos dereitos tamén dos animais…

Compre aclarar, para coñecemento da Sra. Ermida e do resto do grupo de goberno, que os animais de compañía non nacen con colar e correa e que, entre as súas necesidades, está a de facer exercicio físico, algo que, dificilmente van poder facer atados ás mans dos seus donos e donas. A ordenanza municipal está moi ben e garante a convivencia entre amantes e detractores dos animais, pero non se poden poñer os carros diante dos bois… Preparen vostedes zonas (en plural) de esparexemento para os animais de compañía e, despois, falen de coñecemento e respecto das e ás necesidades dos animais.

E, xa que lle quitaron o po a esta ordenanza deixando claro que fóra das súas casas as mascotas teñen que estar atadas e embozadas, garántanlles os veciños e veciñas da vila que, coma ata o de agora, non van ser sancionados por deixar correr ás súas mascotas en lugares públicos onde non molesten a outros veciños e veciñas, polo menos ata que se lles ofreza outra alternativa para poder amosarlles ós seus animais ese debido respecto do que vostedes falan. ¿Ou acaso pretenden que as persoas maiores ou con mobilidade reducida se acheguen, varias veces ó día, á praia “habilitada” dende, por exemplo, o instituto, cunha distancia mais que considerable, por unha carreteira sen beirarrúa nin arcén, e baixen por unhas escaleiras cunha caída importante?

Ata onde nós sabemos, as casas non se empezan polo tellado…

Aurora González Ginzo
Secretaria general PSdeG-PSOE Ribadeo.

Exit mobile version