Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas esixen a recuperación do servizo de ambulancia 24 horas para Foz

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 16. O deputado socialista José Ramón Val, anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que restaure o servizo de ambulancia de Soporte Vital Básico 24 horas para Foz. Este Concello só conta cunha ambulancia básica de 10,00 a 22,00 dende que o goberno de Feijóo decidiu recortar o servizo de forma unilateral e inxustificada no ano 2011.

O parlamentario socialista acusa ao goberno galego de “aplicar de novo un incomprensible castigo sanitario a Lugo”. Advirte que o Concello pode pasar no verán dunha poboación de 10.000 habitantes a en torno aos 30.000, o que require unha maior atención sanitaria que o goberno galego está escatimando situando aos veciños e veciñas nunha situación de risco “intolerable e inasumible”.

A ambulancia que está dispoñible na actualidade durante a metade do día “cubre os municipios de Foz, Barreiros e O Valadouro, e a maiores debe asumir urxencias e emerxencias en concellos limítrofes cando outras unidades están ocupadas.

Cando a unidade non está operativa, explica, a poboación é atendida pola ambulancia de Burela, que ademais destes tres concellos ten que atender á súa sede, a Xove e Cervo, co que implica de multiplicación dos tempos de resposta e polo tanto de risco para a poboación.

A Mariña conta tamén, explica, cunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado –SVA- con base en Foz, pero esta debe atender, ademais das urxencias e emerxencias sanitarias de toda A Mariña, os traslados interhospitalarios a Lugo, Coruña e mesmo a Santiago.

A redución do servizo de Foz afecta ademais a toda a comarca, xa que cando a ambulancia de SVA está comprometida entre as 10 da noite e as 10 da mañá a comarca queda atendida tan só por 4 ambulancias de Soporte Vital Básico, xa que non poden dispoñer do vehículo de Foz.

Exit mobile version