Site icon Crónica3.com A Mariña

Paz Ermida subliña que é falso que o Concello de Ribadeo prohiba pasear e estar cos cans pola rúa

Ribadeo, 27 de xuño de 2016.- A concelleira de Sostibilidade Ambiental, Paz Ermida, subliña que é falso que o Concello prohiba pasear e estar cos cans pola rúa. A edil explica que as únicas modificacións realizadas na ordenanza de medio ambiente foron para permitir o acceso dos cans ás praias fora da tempada de baño e lembra que estas mascotas contan cunha zona de esparexemento nas inmediacións do Cargadoiro.

A concelleira de Sostibilidade Medioambiental, Paz Ermida, manifestou que “desde o Concello de Ribadeo queremos aclarar unha serie de dúbidas que xurdiron nestes días a cerca das modificacións da ordenanza de Medio Ambiente en canto ao regulamento da tenencia de cans”.

Paz Ermida subliñou que “nese sentido queremos trasladar á cidadanía unha mensaxe de tranquilidade e informar que é rotundamente falso que o Concello de Ribadeo prohiba pasear e estar cos cans pola rúa”.

A concelleira nacionalista lembrou que “levamos coa mesma ordenanza desde o ano 2006 e a día de hoxe ninguén tivo problemas nin os vai ter por saír pasear co seu can por Ribadeo. Iso si, sempre e cando cumpra coas normas de levalo atado, con bozal cando proceda, recoller as súas deposicións, etc… Algo que tod@as sabemos que non sempre se cumpre por parte dos donos e das donas, apartado este no que tamén temos firme propósito de seguir traballando para que así sexa”.

Paz Ermida salientou “por último que as únicas modificacións que si se fixeron foi para permitir o acceso dos cans ás praias fora da tempada de baño, algo que ata o de agora estaba prohibido, e para ter a posibilidade desde o Concello de crear ou habilitar espazos para o esparexemento das nosas mascotas”.

A edil de Sostibilidade Ambiental asegurou que “comezamos xa a facelo nunha pequena área na zona do cargadeiro conscientes de que, aínda que insuficiente para toda a demanda que existe, si é idónea xa que permite o acceso ao baño durante todo o ano incluso na época estival. Consideramos que todo isto supón unha pequena mellora respecto á regulación anterior”.

Ermida engadiu que “as persoas que formamos o equipo de goberno de Ribadeo somos tamén donos e donas de animais de compañía e polo tanto coñecedores de primeira man das necesidades, obrigas e sobre todo do respecto que nos merecen. Se desde a nosa posición como goberno temos a mínima oportunidade de mellorar as condicións para unha tenencia responsable de animais, imos facelo. De feito estámolo facendo e podemos nomearnos con orgullo e con firmeza como rotundos defensores dos dereitos tamén dos animais. Esta é a realidade que hai no Concello de Ribadeo e queremos trasladala publicamente para que ninguén lle dea lugar a interpretala doutra maneira”.

Exit mobile version