Site icon Crónica3.com A Mariña

Preto de 800 promesas honrarán a memoria de Rodrigo, Javier e José Antonio no Heroes do Orzán

memorial15-finalbenxA quinta edición do Torneo de Fútbol sala base Memorial Heroes do Orzán botará a rodar o balón este xoves con case 800 pequenas promesas que honrarán o recordo dos policías Rodrigo Maseda Lozano, Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez. Un total de 64 equipos, de 27 clubs, disputarán a cita que organiza a Fundación Imdecum entre A Mariña e A Coruña ata o domingo.

A tradicional sede mariñá acollerá as categorías entre prebenxamín e xuvenil, con 55 equipos, procedentes de Madrid, Valladolid, Asturias e as catro provincias galegas. Madrid volverá estar representada por UD Las Rozas Boadilla; desde Valladolid participarán Tierno Galván FS e CD Lagoa FS; desde Asturias repetirá experiencia EFS Siero FS; dos conxuntos galegos acudirán os coruñeses Troula FS, Cidade de Narón e Hércules A Coruña FS, o ourensán ED Celanova, os pontevedreses Randufe Futsal e Leis Pontevedra e os lugueses Os Meigallos FS e Carneiro Team, de Sarria. Tamén haberá unha nutrida participación da Mariña, con Burela FS Pescados Rubén, AFD Porto de Burela, Castrelo FS, ACD Xove, UD Xove Lago, Cidade de Viveiro, Madeiras Barcia Lourenzá e A Mariña FS. A competición distribuirase entre os pavillóns de Marzán (Foz), Monte Castelo e Vista Alegre (Burela), A Veiga (San Cibrao), Xove e Viveiro.

A Coruña, sede feminina con 9 clubs
A sede da Coruña estréase na cita con 9 clubs en Sub-16 e Sub-19 Feminino. O pavillón Novo Mesoiro acollerá a competición entre o xoves 30 e o sábado 2 con equipos coruñeses e lugueses. Hércules Coruña FS, Calasanz Escolapios, Melide FS e Ribadeo FSF participarán en Sub-16. En Sub-19, saltarán á pista 5Coruña FS, Club Torre, Imprenta San Cristóbal e CD Burela FS Pescados Rubén. O único club que terá presenza nas dúas categorías será Viaxes Amarelle FSF.

Apertura oficial
O Thalasso Cantábrico As Sirenas de Viveiro acollerá a apertura oficial da cita, este mércores 29 de xuño a partir das 20.30 horas, con reunión técnica dos equipos e posterior cóctel de benvida ao que asistirán clubs participantes, autoridades, familiares dos homenaxeados e membros da Fundación Imdecum.

Finais en directo, por streaming
A quinta edición do Memorial en honra a Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor incorporará outra novidade. As finais das dúas sedes poderán seguirse en directo por streaming coa colaboración de Pasión Media, na Coruña o sábado pola tarde (Novo Mesoiro) e na Mariña o domingo pola tarde (Vista Alegre).

Axenda paralela
Durante o torneo e coincidindo co gran ambiente da Festa Castrexa en Burela e a Festa Renacentista en Viveiro, a organización tamén lles ofrecerá aos nenos e nenas unha programación lúdico-deportiva complementaria, con inchables, e visitas guiadas ao barco-museo Reina do Carmen de Burela e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións de Activity Center e do complexo deportivo da Marosa, na localidade burelense. Na cidade herculina, os equipos participantes poderán gozar dalgunhas de visitas gratuítas á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.

Exit mobile version