Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo, terceiro destino de praia da costa española con mellor reputación online segundo Trivago

Ribadeo, 24 de xuño de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que Ribadeo está no mundo do turismo con humildade, pero con eficacia e con eficiencia. Así se refire á nova que onte daba a coñecer Trivago, o comparador de hoteis en internet, que situaba a Ribadeo como terceiro destino de praia con mellor reputación online da costa española. Suárez Barcia felicita ao sector hoteleiro e da restauración polo seu traballo e lembra a labor que está a realizar o Concello.

O rexedor dixo que “é moi boa noticia que Ribadeo figure en terceiro lugar como destino de praia con mellor reputación online de todo Estado, competindo con moitos destinos de Baleares e de Andalucía, que pola súa tradición, pola súa historia e polas súas dimensións son moito máis potentes do que ata o de agora foi Ribadeo”.

Suárez Barcia manifestou que “segundo este buscador de prezos por internet que se chama Trivago figuramos no ránking de reputación online dos oitenta principais destinos de praia con hoteis mellor valorados de todo o Estado. E hai que ter en conta que este resultado provén da análise de todas as opinións ás que se ten acceso a través de Trivago, máis de 220 millóns procedentes de máis de 250 portais de reserva”.

O alcalde pregunta “e ¿qué significa isto? Significa que estamos no mundo do turismo con humildade, desde logo, pero con eficacia e con eficiencia. E significa tamén que está a funcionar moi ben este tándem do sector privado que temos aquí en Ribadeo. Por unha banda, toda esta impresionante e diversa oferta hoteleira e tamén esta impresionante oferta de restauración, de bares, de mesóns de restaurantes, etc. E que, por outra banda, xunto co Concello poñendo o mellor de nós mesmos, todo o noso esforzo para revitalizar, para facer atractivo o noso concello non só no que ten que ver coas praias, porque temos moito máis que dar a coñecer aos que nos visitan”.

Fernando Suárez indicou que “isto reafírmanos na nosa misión de redobrar esforzos neste senso. É dicir, temos que contribuír aínda máis nas rehabilitacións urbanísticas do noso concello, singularmente todos os espazos de recreo público, todos os espazos visitables. Temos que tentar ofrecer os mellores servizos posibles das nosas praias, das máis internacionais como As Catedrais como as máis potentes e entrañables como é o caso dos Castros, As Illas, Os Bloques, Esteiro, etc… Tentar entre todos seguir traballando nesta liña, no que ten que ver co socorrismo, cos sistemas de información turística potentísimos que temos, cos servizos de limpeza… porque logo vemos os resultados e os resultados son que esta xente que ven de fora logo fala, e polo que se ve fala moi ben de Ribadeo e aquí nesta liña temos que seguir”.

O rexedor ribadense felicita “a todo o sector servizos polo seu traballo, por axudar a poñer a Ribadeo como unha estrela máis no difícil e saturado universo do turismo. Pois aí como esa pequeniña estrela, pero que brilla con luz propia, é o que queremos seguir facendo desde Ribadeo. Parabéns a todos e aí seguimos”.

Exit mobile version