Site icon Crónica3.com A Mariña

Sempre Campioas!!!!!

Comezo a escribir estas liñas, mentres os combinados de España e da República Checa debutan na Eurocopa de Fútbol, xogadores millonarios que, sen ser responsables de selo, teñen esta condición por practicaren un deporte de masas. Moi lonxe desta realidade está a do CD Burela FS Pescados Rubén. Profesionais si, pero xogadoras e xogadores que sobreviven nun deporte irmán pero moito mais humilde.

Sería moito mais sinxelo escribir estas verbas a semana pasada, aínda nun ambiente festivo na vila e co título de liga tan fresco. Mais pensei que era mais xusto facelo unha vez rematada a tempada, fose cal fose o resultado, posto que non me gusta o resultadismo. Para min as guerreiras laranxas son tan campioas hoxe ca fai sete días. Os penaltis afastáronas da copa, pero chegaron a Madrid e traballaron arreo para acadar o obxectivo do clube e dos afeccionados burelaos. Coma sempre fixérono sen ataduras nin render contas aló, esta vez non o conseguiron pero xa o fixeron mais veces, porque so miran polo seu traballo, honesto e humilde, e por contentar á vila e á comarca.

O balanzo da tempada é moi moi bo, dous títulos e un subcampionato. O nunca visto aquí en Burela. Por iso dende eiquí a miña mais sincera noraboa. Ademais gañaron de forma consecutiva os últimos 18 encontros, mentres sufrían unha serie de contratempos en forma de lesións difícil de xestionar. Tamén despedimos a Peque e a Maite, pode que haxa algunha despedida mais este Verán. Lei de vida. O que non podemos despedir é o proxecto, iniciado xa fai anos mirando tanto polo deporte como pola igualdade. Elas vanse pero outras teñen que vir. Así funciona en tódolos clubs e así debería ser neste.

E o procedemento para que isto siga adiante debe xirar en torno a algo común tanto no primeiro dobrete coma no segundo, un corpo técnico da casa. Nada mais lonxe da miña intención meterme na laboura dos xerentes da entidade laranxa; pero si que penso que se debe valorar o traballo feito por un home tranquilo, humilde e preparado, chamado Iván Cao Valle e coñecido como Lucas. Foi quen de coller un grupo de xogadoras de primeirísimo nivel pero que estaba á deriva e en poucos meses convertelo nun EQUIPO con tódalas letras e melloralo tacticamente asemade. El só co seu carisma e a axuda de Pablo na parecela física.

Dende a pequena e veciña vila de Cangas, igual que antes o fixera Javi Pardeiro dende a rúa do Río de Burela. Non fixo falla ir a Madrid, Barcelona ou Valencia a buscalos. Da casa. Despois veremos con que plantel se conta nas vindeiras tempadas. Seguirán pelexando pola liga ou non, por entrar na copa ou por salvar a categoría. Iso, no fondo, é o de menos. Os rapaces pelexan por un obxectivo completamente diferente á liga e non pasa nada. Non somos un exemplo en levantar copas, somos un exemplo en igualdade, o único equipo do estado con equipos en primeira tanto en femenino como en masculino. E debemos seguir séndoo. Xogue Peque ou Judit, xogue Matamoros ou Renato. Os grandes clubs tamén se ven nas derrotas e a pequena derrota desta Copa non pode acabar con isto. Porque niso, este club, é sempre Campión!

Exit mobile version